A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade advertiu hoxe no Parlamento do retraso no ingreso dos 28,19 M€ do ‘fondo covid’ anunciados polo Estado para o sector galego do transporte e chegarán, como pronto, en decembro

Ethel Vázquez salienta o traballo da Xunta para garantir un transporte público seguro e viable fronte á pandemia e ao abandono do Goberno central

Pon en valor os 6 millóns de euros inxectados pola Xunta para garantir a liquidez das empresas e os postos de traballo, evitando poñer en perigo o acceso de miles de galegos a servizos básicos como a sanidade ou a educación

Salienta a colaboración co sector e o compromiso conxunto, que está a permitir o restablecemento progresivo dos servizos interurbanos de viaxeiros, fronte á situación do tren en Galicia que, dixo, “pasa de castaño escuro”

Destaca que o Goberno central, tras oito meses da declaración do Estado de alarma, segue sen dar nin un euro de axuda ao sector e sen restablecer os trens suprimidos

Lamenta que o Executivo central estea a deixar “na estacada” ao sector e “só “ande lixeiro para desmantelar”, como está a facer coas conexións de ferrocarril

Reitera a disposición do Goberno galego de seguir reclamando, “insistentemente e sen descanso”, ao Goberno de España o cumprimento dos seus compromisos

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia o traballo da Xunta para garantir un transporte público viable e seguro fronte á pandemia e ao abandono do Goberno central.

Na súa intervención, Vázquez Mourelle fixo fincapé no labor da Xunta, intensificado a raíz da pandemia da covid-19, para garantir a viabilidade das empresas e os postos de traballo que xeran, e para evitar poñer en risco o acceso de miles de galegos a servizos básicos como a sanidade ou a educación.

A titular de Infraestruturas afondou na situación do transporte público interurbano de viaxeiros dependente da Xunta que, coa colaboración e compromiso do sector, está a permitir o restablecemento progresivo dos servizos. A situación do autobús choca doa dos servizos de tren en Galicia que, en palabras da conselleira, “pasa de castaño escuro”.

No momento das restricións de mobilidade impostas polo estado de alarma os servizos de transporte público dependentes da Xunta experimentaron unha redución media superior ao 95%. Actualmente, os servizos de autobús interurbano están restablecidos ao 100% no caso das liñas provinciais e a un mínimo do 80% no caso das conexións entre provincias e isto pese a que a demanda se sitúa en torno ao 50% con respecto aos valores anteriores á pandemia.

A conselleira puxo en valor os incentivos e axudas activadas desde distintas áreas do Goberno galego, destacando a inxección de 6 millóns de euros que se destinaron a ofrecer liquidez ás concesionarias e compensar o déficit de ingresos sufrido pola caída drástica de viaxeiros.

Esta iniciativa, en palabras de Ethel Vázquez, “constitúe unha auténtica balsa salvavidas” para o sector, resultando agora aínda máis transcendente, “porque oito meses despois de que se decretara o estado de alarma, con todo o que iso supuxo, o Goberno de Sánchez aínda non deu nin euro de axuda ao sector”, remarcou.

Ethel Vázquez amosou a desconformidade da Xunta co manexo dos tempos por parte do Goberno do Estado. Neste sentido subliñou que o Executivo central non é rápido no restablecemento dos trens que suprimiu, amparándose no estado de alarma e a conseguinte restrición da mobilidade; nin é rápido en acudir en axuda dos sectores máis castigados, precisamente por esa limitación da mobilidade.

A este respecto, fixo un pormenorizado repaso de todos os trámites realizados desde o departamento que dirixe para a materialización da transferencia dos 28,19 millóns de euros que lle corresponden a Galicia do denominado ‘fondo Covid’ de compensación ao transporte público, comezando pola remisión de toda a documentación requirida polo Goberno de España o mesmo día na que a solicitaron, o pasado 8 de xullo.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade advertiu que o Goberno de España está a ignorar a imperiosa necesidade que ten o sector de recibir a axuda, ao retrasar tres meses máis, como pronto en decembro, o ingreso efectivo do ‘fondo Covid’.

Esta é a información que foi transmitida á Xunta este mesmo luns, día 5 de outubro, en resposta á demanda trasladada pola conselleira o pasado 21 de setembro á Secretaría de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para unha maior dilixencia na materialización do pago, “necesario para garantir a sostenibilidade do transporte en Galicia”, insistiu a titular de Infraestruturas.

A conselleira ratificou o mantemento do compromiso da Xunta para garantir, no marco das dúas competencias, a viabilidade do transporte público, pese á pandemia e ao abandono do Goberno central, que “deixa na estacada” a un sector estratéxico para Galicia e elemento imprescindible para o desenvolvemento dos programas de mobilidade, eficiente, económica e segura que están a impulsarse desde a Xunta.

Tras volver lamentar que o Goberno central só “ande lixeiro para desmantelar, como está a facer co servizo de ferrocarril”, a conselleira reiterou a disposición da Xunta a seguir reclamando “insistentemente e sen descanso” ao Goberno central o cumprimento dos seus compromisos.

Imaxes relacionadas