Ángeles Vázquez reúnese coa experta penalista Silvia Valmaña co fin de enriquecer a proposta da Xunta ante a ocupación de vivendas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda explicoulle os principais puntos da reforma lexislativa que Galicia reclama ante o Estado para garantir a seguridade xurídica dos propietarios afectados e maior axilidade nos desaloxos

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe coa avogada e profesora de Dereito Penal na Universidade de Castela-A Mancha, Silvia Valmaña, co fin de intercambiar impresións sobre o fenómeno das ocupacións ilegais e enriquecer deste xeito a proposta de reforma lexislativa que lle quere trasladar a Xunta ao Estado para buscar unha solución eficaz e duradeira ao problema, ante o incremento de casos detectado no conxunto do país.

Durante unha videoconferencia á que tamén asistiron o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e a deputada popular Paula Prado, a conselleira expuxo cales son os obxectivos fundamentais da reforma que Galicia quere que promova o Goberno central, como administración competente na materia.

Así, referiuse á necesidade de arbitrar mecanismos xurídicos que permitan garantir o desaloxo cautelar do inmoble nas primeiras horas da ocupación así como un endurecemento das penas actuais para, por unha banda, disuadir aos okupas da comisión do delito e pola outra, eliminar entre os afectados a percepción de impotencia ante este tipo de condutas.

Ademais, a conselleira tamén avogou por outorgar ás comunidades de veciños, a través da súa presidencia, o dereito a actuar perante a xustiza para esixir o cese das molestias e incluso a desocupación inmediata dun inmoble cando a convivencia se vexa alterada por este tipo de situacións.

A experta en Dereito Penal, pola súa parte, púxose a disposición da Xunta para analizar en profundidade o contido da súa proposta e facer todas aquelas achegas que considere que poderían enriquecela, para que poidan ser sometidas á consideración da Consellería.

Imaxes relacionadas