O vicepresidente primeiro reúnese coa Confederación de Empresarios de Pontevedra para avaliar liñas de colaboración

Coincidiron na necesidade de prestar un apoio concreto ás empresas do sector turístico, especialmente afectadas pola pandemia

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, para avaliar posibles liñas de colaboración.

Durante a xuntanza, trataron as dificultades que están a afrontar as empresas e pemes galegas. Neste senso, o vicepresidente primeiro reafirmou o apoio da Xunta, no marco das súas competencias, para garantir o mantemento do tecido produtivo galego. Do mesmo xeito, comprometeuse a trasladar estas necesidades ao Goberno central, tanto para a súa implicación directa, como para que sexa tido en conta dentro do Plan de Recuperación Europeo.

No encontro, abordaron tamén de forma concreta a situación das empresas turísticas, un dos sectores máis afectados pola pandemia. Neste sentido, coincidiron na necesidade de impulsar medidas concretas de apoio, como vén facendo a Xunta a través de iniciativas como o programa Galicia Destino Seguro. Cómpre recordar, ademais, que o vicepresidente primeiro reclamou recentemente ao Goberno central, no marco da conferencia sectorial de Turismo, que poña en marcha máis medidas de apoio como manter os expedientes de regulación de emprego temporal deste sector máis aló da Semana Santa de 2021; reducir o IVE turístico ao 4% de xeito temporal; e intensificar a implicación do Goberno central no Xacobeo 2021.

Precisamente en relación a este último punto, o vicepresidente destacou tamén a oportunidade que supón o próximo Xacobeo 2021, aínda que condicionado pola pandemia. Ao respecto, destacou que a Xunta traballará por maximizar os seus efectos positivos e estudará vías de colaboración co tecido produtivo neste ámbito.

Imaxes relacionadas