A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional á Lama

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, Jorge Canda, as demandas deste municipio relativas especialmente a mellora do edificio consistorial e da ponte sobre o río Xesta

Pontevedra, 7 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa a rolda de visitas institucionais, e hoxe mantivo un encontro co alcalde da Lama, Jorge Canda, con que analizou as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

Jorge Canda trasladou a Luisa Piñeiro a situación actual do concello, que viu incrementar a súa poboación ante a situación de pandemia, xa que se incrementou o número de veciños residentes en México que retornaron para quedarse este ano no concello, algúns incluso, con nenos que se matricularon no colexio da localidade. Tamén lle trasladou que se está a notar un aumento do interese e a compra de terreos de xente da cidade que, tralo confinamento, quere contar cun lugar no rural onde poder ter a súa segunda residencia.

O rexedor explicoulle a delegada que un dos temas que maior interese ten para o municipio é o acondicionamento e ampliación do concello da Lama, e que queren presentar ante Vicepresidencia da Xunta para contar cunha subvención que permita mellorar, non só o espazo, senón tamén a eficiencia enerxética e a instalación dun ascensor.

Ademais, tamén lle mostrou a súa preocupación pola situación da ponte medieval sobre o río Xesta, danado polas últimas riadas.

O encontro rematou coa visita por parte de ambos responsables políticos das obras que se está a executar no entorno dos Pazos, na Praza da Pedreira e que conta co financiamento completa da Xunta de Galicia, 40.000 euros, a través da liña de axudas de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural.

Imaxes relacionadas