Román Rodríguez avanza que a Xunta reforzará os servizos de limpeza e de comedor escolar nos centros educativos

O conselleiro de Educación explicou no Parlamento que se vai incrementar o investimento e o persoal para estes servizos, atendendo ás demandas da comunidade educativa

Reiterou que a máxima prioridade da Xunta é preservar a seguridade nas aulas ao tempo que garantir o dereito á educación

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está traballando para implementar melloras nos servizos de limpeza e de comedor escolar nos centros educativos galegos, mediante a dotación de recursos e persoal, segundo avanzou o conselleiro Román Rodríguez no Parlamento de Galicia esta mañá.

Así, o departamento educativo da Xunta ten previsto, nos próximos días, reforzar o servizo de limpeza dos centros educativos cuxa xestión depende da administración autonómica, como é o caso dos centros de secundaria (que representan aproximadamente a metade dos centros educativos de Galicia).

Ademais, vanse incrementar os recursos e o persoal que atende o servizo de comedor escolar (tanto de xestión directa como indirecta), o que na práctica se vai traducir en máis prazas; polo que se atende así unha das demandas expresadas pola comunidade educativa a este respecto. Neste eido, a Consellería está elaborando un documento que permita abrir a incorporación de colaboradores e coidadores de comedor que ata o de agora está normativamente acotado a persoas de grao directo vinculado á comunidade educativa.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade subliñou que este reforzo de servizos complementarios enmárcase no contexto do actual curso escolar, co fin de garantir a máxima seguridade no ámbito académico ao tempo que atender ás necesidades que se produzan. “A Xunta, co esforzo de toda a sociedade galega, está poñendo sobre a mesa o reforzo orzamentario necesario para atender diferentes cuestións que xorden”, abondou Román Rodríguez, ante as interpelacións dos grupos parlamentarios.

Máis profesorado e equipamentos

Nesta liña, desde o inicio do curso lévanse tomado outras medidas como o reforzo do profesorado, coa contratación de 2.300 docentes máis para este curso e a dotación de recursos tecnolóxicos coa posta a disposición de ata 55.000 dispositivos informáticos para facer fronte ao ensino non presencial en caso de que fora necesario.

Tamén cómpre lembrar a recen creada Reserva de Garantía Educativa, un fondo adicional a disposición dos centros educativos dotado con 7 millóns de euros, con cargo ao cal poden adquirir todo tipo de material vencellado á prevención do risco sanitario (máscaras hixiénicas certificadas para o alumnado máis vulnerable, equipamento de illamento ante posibles positivos, hidroxel,...).

Protocolos específicos

Doutra banda, -partindo do marco xeral e dinámico que establece o Protocolo de inicio de curso, e coa finalidade de completar con documentos e medidas concretas as necesidades que están a detectar os centros-, nas últimas semanas a Consellería está desenvolvendo unha serie de protocolos específicos como é o caso dos xa elaborados Protocolo de prevención da covid-19 nos comedores dos centros educativos non universitarios e o Protocolo para o alumnado con necesidades educativas especiais.

Agora mesmo estanse ultimando as recomendacións para o desenvolvemento dos recreos (aprobadas a semana pasada polo Comité Educativo), sobre as actividades extraescolares (que proximamente se elevará ao Comité Clínico), sobre os centros que imparten ensinanzas de réxime especial, e sobre as prácticas de FP.

Todas estas medidas son, segundo o conselleiro Román Rodríguez, un expoñente da “capacidade de adaptación e de reacción” do Goberno galego; e subliñou a “lealdade” co Goberno central pese ao cambio das regras de xogo que impuxo a finais de agosto e que complicou a organización que xa tiñan pechada os centros escolares, especialmente en ESO, Bacharelato e FP.

Recalcou ademais a prioridade do seu departamento de “dar resposta ás necesidades máis urxentes e traballar por manter a seguridade e por seguir garantindo o dereito á educación de todos os alumnos galegos”. “Con sentidiño, co traballo de todos, temos que avanzar neste curso escolar”, concluíu.

Imaxes relacionadas