Conde destaca que compañías como Galmask demostran a iniciativa e a capacidade de adaptación do tecido empresarial galego fronte á covid-19

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou en Vigo a primeira fábrica de máscaras FFP3 en Galicia, que conta co apoio da Administración autonómica

A Xunta leva destinados 12 millóns de euros a iniciativas para loitar contra o coronavirus a través da produción de equipos de protección e o apoio a solucións innovadoras

Vigo, 7 de outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe en Vigo na súa visita á compañía Galmask, a primeira que fabrica máscaras FFP3 na Comunidade, a capacidade de adaptación e a iniciativa do tecido empresarial galego na loita contra a covid-19.

Neste sentido, sinalou que o proxecto de Galmask se sitúa á vangarda galega e contribúe a ter unha reserva estratéxica en Galicia de materiais de protección e a fortalecer a capacidade de autoabastecemento neste eido. Así, o vicepresidente económico apuntou que “desde o primeiro momento houbo unha reacción por parte da Xunta, pero o máis importante, do tecido produtivo, que soubo adaptarse e adaptar as liñas de produción para poder fabricar este tipo de produtos”. Tal e como remarcou, non só contribúen a esa capacidade de autoabastecemento, senón tamén a “abrir mercados e que os nosos produtos se poidan vender a nivel internacional”.

Galmask naceu da unión entre a firma viguesa I-Leverauto, que achega a sua experiencia en fabricación automatizada de compoñentes para a automoción, e a santiaguesa Dismark Products, que pon á disposición do proxecto as súas canles de distribución e almacéns loxísticos. A súa capacidade de produción acada os 1,5 millóns de máscaras ao mes, e o seu ámbito de vendas podería alcanzar os 30 países.

A iniciativa, que supón un investimento de 600.000 euros, conta co apoio da Xunta, que leva destinado 12 millóns de euros a diferentes medidas para loitar contra o coronavirus a través da produción de equipos de protección e o apoio a solucións innovadoras.

Imaxes relacionadas