A Xunta reforzará desde mañá as conexións de autobús entre Santiago e Lalín e entre Taboada e Lugo para atender a demanda xerada co inicio do curso en secundaria e na universidade

As conexións entre Lalín e a capital de Galicia veranse reforzadas desde este xoves con dúas expedicións máis en días laborables: un servizo ás 15,15 horas de Lalín a Santiago e outro ás 20,00 horas en sentido inverso

As expedicións faranse a través da N-525, dando servizo tamén aos veciños de Boqueixón, de Vedra, da Estrada e de Silleda

No caso do municipio lugués de Taboada, ás 6,55 horas sairá un autobús con destino a Lugo, con chegada ás 7,55 horas

A Xunta pon en marcha estas expedicións coa fin de atender a demanda detectada e as necesidades do colectivo de estudantes

Pese a que a demanda de viaxeiros se mantén no entorno do 50% da ocupación media anterior á pandemia, os servizos de transporte dentro dunha mesma provincia están restablecidos ao 100% e entre provincias a un mínimo do 80%

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A Xunta reforzará desde mañá as conexións de autobús entre Santiago e Lalín e entre Taboada e Lugo para atender a demanda xerada co inicio do curso en secundaria e na universidade.

Desde este xoves, 8 de outubro, as conexións de Lalín coa capital de Galicia veranse reforzadas con dúas expedicións máis en días laborables.

Concretamente, reforzarase o servizo cunha expedición á primeira hora da tarde cara a Compostela: ás 15,15 horas saíra un autobús de Lalín, con chegada ás 16,15 a Santiago. Pola noite, haberá unha expedición en sentido inverso, que partirá de Santiago ás 20,00 horas e chegará á capital do Deza ás 21,00 horas. Estas expedicións faranse a través da N-525, polo que permitirán cubrir os tráficos intermedios, dando servizo tamén aos veciños de Boqueixón, de Vedra, da Estrada e de Silleda.

No caso do municipio lugués de Taboada, sairá un autobús ás 6,55 horas con destino a Lugo, para atender ás necesidades dos estudantes. Neste caso o percorrido é a través da N-540 e á chegada á cidade será ás 7,55 horas.

A Xunta pon en marcha estas expedicións coa fin de atender a demanda detectada e as necesidades do colectivo de estudantes e seguirá a traballar nesta liña, para ir adaptando os servizos de xeito acorde ás necesidades percibidas.

Nestes momentos, a pesar de que a demanda segue aínda lonxe da media habitual anterior á pandemia, xa que se sitúa no entorno do 50%, os servizos de transporte interurbano da Xunta dentro dunha mesma provincia están restablecidos ao 100% e no caso dos servizos entre dúas ou máis provincias, como é o caso, sitúanse a un mínimo do 80%.

O Goberno galego destinará 74 millóns de euros ao ano na vindeira década para garantir un transporte público moderno e de calidade, ofrecéndolle aos cidadáns servizos máis útiles e eficientes, cunha maior cobertura territorial, fundamentalmente no rural.

No marco dos novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, a Xunta estenderá, de xeito progresivo a todas as liñas de autobús interurbano, que son da súa competencia, o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia, TMG, que suporá descontos dun 10% en todas as viaxes, así como a utilización da tarxeta Xente Nova, que lles permite aos menores de 21 anos viaxar gratis no autobús da Xunta.

Imaxes relacionadas