O conselleiro do Medio Rural participou esta mañá no acto de presentación desta IXP

A Xunta anima aos produtores de trigo, muiñeiros e panadeiros tradicionais a acollerse á Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego

José González referiuse a este produto como “punta de lanza de calidade” e sinalou que o Goberno galego está traballando arreo para que poida atoparse no mercado proximamente

O distintivo de calidade, impulsado pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan, contou co apoio da Xunta dende os inicios

Nas próximas semanas levaranse a cabo xornadas de difusión nas catro provincias encamiñadas a informar aos tres sectores implicados das vantaxes de adherirse á IXP

Boqueixón (A Coruña), 7 de outubro de 2020

A Xunta anima aos produtores de trigo, muiñeiros e panadeiros tradicionais a acollerse á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, no acto de presentación desta IXP que tivo lugar no pazo de Quián, onde estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

Na súa intervención, o conselleiro puxo de relevo que dende “a Xunta traballamos para que o recoñecemento do noso pan sexa unha realidade dentro e fóra de Galicia”, co obxectivo de ”fomentar o cultivo de trigo e o consumo de pan”. Engadiu que o pan galego “non precisa de distintivos para distinguirse, pero que é máis que merecedor desta Indicación Xeográfica Protexida”.

Así mesmo, o titular de Medio Rural lembrou que “vai entrar en breve no Parlamento de Galicia a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que ten por misión recuperar as partes abandonadas do territorio con actividade de valor engadido, como é a plantación de cereal para facer este pan”. Na mesma liña, o conselleiro concluíu que este produto non só “destaca como punta de lanza de calidade”, senón que mesmo pode ser considerado unha auténtica “arte”.

Dende o Goberno galego impulsouse este acto de presentación no Pazo de Quián para fomentar o rexistro de produtores de trigo, muíños e panaderías, unha vez quedara constituído xa o consello regulador da nova Indicación Xeográfica Protexida. Así, explicóuselles aos representantes dos tres sectores os requisitos e pasos necesarios para acollerse á IXP Pan Galego, un distintivo que permitirá poñer en valor os produtos elaborados en numerosos establecementos familiares que están espallados por toda a comunidade, nomeadamente nas zonas rurais.

A maiores, esta indicación contribuirá a incentivar o cultivo de trigo en Galicia, o que incidirá directamente na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación das aldeas e mesmo na prevención dos incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como devasa natural fronte aos lumes.

Para seguir difundido as vantaxes de adherirse á IXP, levaranse a cabo distintas xornadas informativas nas próximas semanas. Así, o 29 de outubro convocarase aos sectores implicados en Lugo, o 4 de novembro na Coruña, o día 6 en Ourense e o 10 de novembro en Pontevedra.

Apoio da Xunta

Impulsado en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan), este selo de calidade contou dende os inicios co apoio da Xunta. O obxectivo é poñer de relevo un pan de codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.

Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade de auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

Así mesmo, a normativa desta IXP establece os diferentes formatos tradicionais que se admiten, como o bolo ou fogaza, a rosca, a bola ou torta e a barra, así como os rangos de pesos que poden ter as pezas. A maiores define as características da codia e da miga, así como o aroma e o sabor do produto. Outra das características desta IXP é a súa presentación en envases individuais que incluirán o seu logotipo.

Imaxes relacionadas