A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Moraña

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, José Cela, as demandas deste municipio relativas especialmente a turismo, política social e infraestruturas

Pontevedra, 06 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa coa rolda de visitas institucionais, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Moraña, José Cela, co que analizou as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

O rexedor agradeceu a visita da nova delegada territorial e insistiu en valorar moi positivamente o feito de que se trate dunha persoa que procede do mundo municipal, en especial, dunha muller que foi alcaldesa precisamente deste municipio, Moraña.

José Cela trasladoulle a Luisa Piñeiro varias necesidades do concello, como é o reforzo do firme de dúas estradas, a PO-226 e a PO-221, así como a construción dun paso de peóns fronte ao local social de Alende.

Ademais, o concello continúa a traballar na posta en marcha dun plan de reactivación turística do municipio nesta época Covid e neste senso, o alcalde solicitou o apoio de Luisa para a recuperación da zona da área recreativa de Pontenova e Pontebrións.

Finalmente, ambos responsables políticos analizaron a posta en marcha inminente dos traballos do campo de futbol do concello, así como o remate das obras do local social de Alende levadas a cabo grazas a unha subvención da Consellería de Política Social que roldou os 200.000. O rexedor aproveitou a visita para invitar a nova delegada á inauguración deste local que terá lugar, segundo apuntou, en breves datas.
 

Imaxes relacionadas