A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Sanxenxo

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, Telmo Martín, as demandas deste municipio relativas especialmente a infraestruturas viarias, turísticas e económicas

Pontevedra, 5 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa coa rolda de visitas institucionais, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, con que analizou as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

O rexedor agradeceu a visita da nova delegada territorial e insistiu en valorar moi positivamente o feito de que se trate dunha persoa que procede do mundo municipal, en especial, dunha muller que foi alcaldesa. Tamén quixo recordar a figura do anterior delegado da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, de quen destacou a súa colaboración e talante dialogante.

Telmo Martín trasladou a Luisa Piñeiro o seu interese por continuar a mellorar a PO-308, en concreto, co tramo de Portonovo, onde aposta por un bulevar que humanice ese tramo, así como a recuperación da fachada marítima na zona da Telleira cunha nova senda que permita apostar polo valor ecolóxico deste entorno, así como construción doutra senda, neste caso fluvial, no río Dorrón.

Entre os principais temas que se trataron durante o encontro, atopáronse cuestións como a potenciación da imaxe turística de Sanxenxo, en especial, tras ser nomeado este municipio como territorio de preferente actuación turística.

A reforma do Mercado de Abastos, para a que o concello acaba de pechar un concurso de ideas ás que se presentaron 63 proxectos, ou os avances nas obras do novo CEIP de Vilalonga completaron os temas a analizar durante esta primeira visita da nova delegada territorial da Xunta.

Imaxes relacionadas