A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde do municipio, Juan Domingo de Deus, asinaron un convenio para ampliar o espazo

A Xunta de Galicia achega 100.000 euros ao Concello de Mugardos para mellorar as instalacións da escola infantil municipal

? Crearase unha sala de profesores, uns vestiarios e aumentarase o tamaño do comedor e a cociña

Mugardos (A Coruña), 5 de outubro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, asinaron un convenio de colaboración para mellorar as instalacións da escola infantil municipal. A Xunta de Galicia achegará 100.000 euros ao concello coruñés para que poida ampliar as instalacións deste servizo.

O importe total da actuación nesta infraestrutura é de 215.000 euros, o que permitirá crear unha nova sala de profesores e uns vestiarios. Ademais, o proxecto contempla aumentar o tamaño do comedor e da cociña para facilitar as horas de comida ás pequenas e pequenos. A escola infantil conta con tres unidades e 43 prazas.

Fabiola García gabou a vontade do Concello de Mugardos por mellorar os recursos de conciliación que teñen á súa disposición as veciñas e veciños. Neste sentido, incidiu na importancia de colaboración entre administracións para que as familias conten cos servizos efectivos que lles axuden a compaxinar a súa vida persoal coa laboral.

Gratuidade


A conselleira de Política Social recordou que este curso é o primeiro completo no que se aplica a gratuidade para segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís. No caso de Mugardos, unha vintena de nenas e nenos terán gratuíta a educación infantil se se adhire a esta pioneira medida.
 

Imaxes relacionadas