A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe, acompañada do alcalde, Jorge Cubela, as obras nesta vía, que comezaron en setembro
Ethel Vázquez salienta que en 2021 a travesía de Tenorio será máis segura e humana grazas a un investimento conxunto de 800.000 euros da Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade
Vázquez Mourelle indica que os traballos mellorarán a estética e a funcionalidade desta vía onde se atopan o centro de saúde, centros escolares, o Mosteiro, locais comerciais e numerosas vivendas
A intervención contempla a demolición das beirarrúas e a execución de dúas sendas por ambas as dúas marxes da estrada
Tamén se habilitará unha zona específica destinada ao aparcamento de vehículos
Substituirase a actual iluminación por un novo sistema con tecnoloxía LED, que se complementará con luz específica para os pasos de peóns
A conselleira lembra que a Xunta tamén está a ultimar nesta parroquia as obras de mellora do saneamento, cun investimento de 1,7 millóns de euros
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que en 2021 a travesía de Tenorio será máis segura e humana grazas a un investimento conxunto de 800.000 euros da Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Vázquez Mourelle supervisou hoxe estas actuacións, que deron comezo en setembro e que teñen por finalidade mellorar a estética, a funcionalidade e a seguridade na arteria principal da parroquia de Tenorio.
O proxecto desenvólvese nesta arteria principal da parroquia de Tenorio, cuxo trazado coincide cun antigo treito da N-541, onde se atopan o centro de saúde, centros escolares, o Mosteiro, locais comerciais e numerosas vivendas.
A intervención contempla a demolición das beirarrúas e a execución de dúas sendas por ambas as dúas marxes da estrada, cun ancho que duplicará o das antigas beirarrúas e contará cun bordo de protección. Tamén se habilitará unha zona específica destinada ao aparcamento de vehículos.
Ademais substituirase a actual iluminación por un novo sistema con tecnoloxía LED, que se complementará con luz específica para os pasos de peóns, tanto vertical como horizontal.
Para completar toda a mellora, a actuación inclúe a execución de dous muros de contención, o retranqueo do saneamento de pluviais e o reforzo da sinalización.
Os traballos avanzan a bo ritmo, pois xa están demolidas as beirarrúas da marxe esquerda -na zona máis próxima a este centro de saúde- e estanse a realizar as tarefas para a instalación das canalizacións.
Ethel Vázquez enmarcou estas obras no compromiso do Goberno galego co coidado da rede viaria que vertebra este concello de Cerdedo-Cotobade, así coa mellora das infraestruturas e servizos aos veciños do municipio.
A ese respecto,a conselleira destacou que na parroquia de Tenorio a Xunta está a acometer as obras de mellora do saneamento, que supoñen a execución dunha rede de colectores e unha nova depuradora, cun investimento de 1,7 millóns de euros e que se atopan na súa recta final.