A Xunta promove o teatro de títeres co seu apoio á celebración do Festival Galicreques de Santiago de Compostela

O encontro chega ao seu 25º aniversario cunha carteleira de 40 funcións a cargo de 20 compañías, cunha programación escolar gratuíta en liña e con cambios na súa estrutura debido á situación sanitaria

O director da Agadic participou na presentación do evento, que se desenvolverá do 10 ao 18 de outubro en diferentes espazos da capital de Galicia

A carteleira inclúe catro estreas, entre elas a peza ‘El hombre que plantaba árboles’, coproducida polo festival

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2020

O Festival Internacional Galicreques desenvolve en Santiago de Compostela do 10 ao 18 de outubro a edición coa que celebra o seu 25º aniversario, para a que continúa a contar coa apoio da Xunta de Galicia no obxectivo de promoción e dignificación do teatro de bonecos para todos os públicos. Organizado pola Asociación Barriga Verde, o encontro deste ano chega marcado pola situación sanitaria, pero mantén o seu compromiso co xénero a través da participación de 20 compañías e de novas actividades escolares en liña.

Así, o evento ofrecerá ao longo de nove intensas xornadas máis de 40 funcións cun programa a cargo de formacións maioritariamente galegas, pero cunha importante presenza de compañías chegadas de Valencia, Andalucía, Euskadi, Salamanca ou Aragón. Ademais, o carácter internacional está garantido con artistas procedentes de Brasil, México, Portugal e Arxentina. Os espectáculos previstos, que amosarán a variedade de técnicas e estilos do teatro de monicreques, atoparanse co público en emprazamentos ao aire libre de xeito preferente.

Así se explicou hoxe na rolda de prensa de presentación do 25º Galicreques, acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) Jacobo Sutil, quen deixou testemuño da contribución ao evento a través da convocatoria anual de subvencións a festivais escénicos que convoca anualmente a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Remarcou a capacidade dos organizadores para se adaptar á nova situación sociosanitaria e para construír, xunto coa colaboración do público, un entorno seguro arredor da cultura en xeral e das representacións de espectáculos en particular.

Pasarrúas e funcións en parques e centros socioculturais

A programación comezará este sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidas en diferentes espazos. Así, a primeira sesión será un pasarrúas que partirá ás 13,00 h. da Praza do Toural e que correrá a cargo da compañía galega Fantoches Baj. Unha hora máis tarde, ás 14,00 h., a formación galaico-francesa Moving Compass representará en Praterías o espectáculo Os limpabotas. Nese mesmo espazo, ás 17,00 h., a quenda será para a arxentina Sofía Ferrari e o seu Crucu Show, que tamén contará cun pase ás 13,00 h. na xa tradicional Carpa da Alameda. Outro parque, o de Vista Alegre, converterase dende o primeiro día noutra das sedes ao aire libre deste festival. Alí, nos exteriores do edificio SGAE; ás 18,00 h., actuará de novo Moving Compass. Así dará inicio un festival que, durante nove días, encherá tamén de monicreques o Teatro Principal e os centros socioculturais de Santa Marta, Vite, Conxo, Fontiñas e Castiñeiriño. Serán xornadas nas que varios espectáculos contarán con diversos pases ao longo do festival nos distintos espazos para garantir a descentralización e a dispersión do público, adaptándose así ao contexto sanitario e cumprindo con todos os protocolos de seguridade.

Estreas no Teatro Principal e programa escolar

O Teatro Principal acollerá ao longo da semana catro estreas, unha delas dun espectáculo que coproduce o festival. Deste xeito, a primeira obra nova que poderá coñecer o público será Miragres, un traballo conxunto das formacións Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño e Bernardo Martínez. A estrea será o xoves 15 de outubro ás 20,00 h. O día seguinte, á mesma hora, a compañía portuguesa Krisálida presentará Plastikus. O sábado poderase ver a obra do mexicano Víctor Biau El hombre que plantaba árboles, espectáculo coproducido por Galicreques. Por último, o domingo chegará Moving Compass, que presentará por vez primeira, tamén ás 20,00 h., a peza Gaia Baba.

Un dos piares fundamentais do Galicreques ficará en suspenso nesta edición por mor da situación sanitaria e adaptarase ás presentes circunstancias: a carteleira concertada para público escolar. Neste 25 aniversario, aínda que non de xeito presencial, o festival manterá o vínculo coa comunidade educativa a través da posta a disposición dos centros dunha programación en liña e de carácter gratuíto.

Imaxes relacionadas