A Xunta mobiliza 5,4M€ apoiando os plans de innovación de 38 pemes e microempresas galegas

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de resolver a terceira convocatoria do programa InnovaPeme, que contribuirá á creación e mantemento de 180 postos de traballo

O obxectivo da iniciativa é mellorar a capacidade innovadora do tecido empresarial para lanzar novos produtos ou servizos ao mercado

A través das tres convocatorias que se levan feito concedéronse axudas para desenvolver un total de 124 plans de innovación

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2020

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), a resolución da terceira convocatoria do programa InnovaPeme co que impulsará a innovación e a competitividade de 38 pemes e microempresas galegas a través de axudas que permitirán mobilizar 5,4 millóns de euros –financiamento público e privado ao 50%–, ademais de prever tamén o mantemento ou contratación de ao redor de 180 persoas, o que permitirá avanzar no obxectivo de reter e captar talento e profesionais altamente cualificados para Galicia. O obxectivo fundamental desta iniciativa é apoiar ás pequenas empresas que presentan maiores dificultades para innovar e, deste xeito, contribuír ao desenvolvemento a futuro dun ecosistema empresarial máis innovador.

Deste xeito, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina ao programa InnovaPeme 2,7 millóns de euros para colaborar nos plans de innovación do tecido empresarial de Galicia. En concreto, daquelas firmas de menor tamaño que necesitan apoio para potenciar ou desenvolver a súa actividade innovadora co reto de lanzar novos produtos ou servizos e mellorar os seus procesos ou a súa organización.
O fundamental é que as pequenas empresas teñan a posibilidade de innovar para poder diferenciarse e de mellorar a súa capacidade de xerar valor dentro da propia compañía.
Así, das firmas beneficiarias –que recibirán axudas que oscilan entre os 40.000 e 100.000 euros–, o 50% son pemes e a outra metade correspóndense con microempresas con menos de 10 traballadores.

Nesta convocatoria introducíronse novidades para chegar a aquelas pemes que non tiñan desenvolvido plans de innovación con anterioridade. De feito, preto do 80% das empresas beneficiarias é a primeira vez que reciben axudas por parte da Axencia Galega de Innovación (Gain), polo que estes apoios lles supoñen un salto cualitativo de cara a consolidarse no futuro como empresas innovadoras en Galicia.

Aínda que se apoiaron unha gran variedade de sectores, as firmas que recibiron máis axudas pertencen aos ámbitos da enxeñería, agroalimentación, bens de equipo, industria e enerxía. Por provincias, Pontevedra é a maior beneficiada destes apoios (60,6%), seguida da Coruña (29%).

Entre as empresas que acadaron a axuda destacan compañías orientadas ao desenvolvemento de equipos tecnolóxicos e solucións aplicadas ao sector mariño e a acuicultura, centrándose a súa actividade de innovación en mellorar as artes de pesca e equipos de procesado de alimentos; á transformación de pedra natural, especialmente granito; á industrialización e comercialización de vehículos 100% eléctricos; e á investigación, desenvolvemento e comercialización de produtos de micoterapia para veterinaria.

As entidades beneficiarias poderán solicitar acompañamento financeiro posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación xestionados por XesGalicia; dos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) do Igape; e do programa ReAcciona, que ofrece ás pemes servizos complementarios como protección industrial e intelectual, o deseño para a innovación ou incentivos fiscais.

Balance das tres convocatorias

A Xunta de Galicia, a través das tres convocatorias de InnovaPeme, concedeu axudas por valor de 10,5 millóns de euros, que beneficiaron a 124 compañías, sendo a contía media recibida por empresa de máis de 80.300 euros. Os apoios están a mobilizar 21 millóns de euros e a permitir o mantemento ou creación de 618 postos de traballo. O 44% das empresas beneficiarias son microempresas, o 35% pequenas empresas e o 21% restante medianas empresas. InnovaPeme, ademais de ir na liña da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), encádrase na Axenda Industria 4.0.

Imaxes relacionadas