Educación comeza os trámites previos para a renovación dos contratos do servizo de transporte escolar nos próximos cursos

A Consellería remite o anuncio ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), primeiro paso dun procedemento administrativo que deberá completarse coa redacción dos pregos e o inicio do proceso de contratación

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de comezar os trámites previos para a renovación dos contratos do servizo de transporte escolar para os próximos dous cursos 2021-22 e 2022-23 e prorrogables por outros dous.

Co envío hoxe do anuncio ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) dáse o primeiro paso dun procedemento administrativo que se irá completando coa redacción dos pregos e o inicio do proceso de contratación dos 57 lotes nos que se reparte o contrato.

O orzamento base de licitación ascende a 80 millóns de euros cos que a Consellería atenderá o gasto das rutas de transporte escolar que dan servizo a 424 centros de ensino público da comunidade autónoma.

O inicio deste proceso de tramitación posibilitará, ademais, prorrogar os actuais contratos ata o fin de curso 2020-21, e comezar en setembro do ano 2021 (coincidindo co inicio do próximo curso) coas novas empresas adxudicatarias que resulten desta licitación.

A día de hoxe a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestiona o 47% das rutas de transporte escolar de Galicia, mentres que o resto das rutas pasaron a ser xestionadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade trala entrada en funcionamento do Plan de Transporte Público de Galicia, que supuxo a implantación da nova modalidade de transporte público, coñecida como o “autobús compartido”.

No presente curso 2020/21 préstase servizo de transporte escolar -segundo as estimacións provisionais- a 86.957 alumnas e alumnos de 774 centros públicos. Deste xeito Galicia sigue a ser a comunidade autónoma coa maior rede de transporte escolar do Estado, un servizo educativo complementario gratuíto para todo o alumnado con dereito a el segundo os requisitos establecidos na normativa vixente.

Ademais, dáse cobertura de transporte a 311 alumnos de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios con 13 entidades, cun orzamento de 1.012.450,32 euros.