A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron o novo terreo, que se localiza na Unidade de Actuación 18, na Avenida 12 de novembro

A nova residencia de maiores de Pontevedra ocupará unha das mellores parcelas da cidade para acoller un dos centros máis avanzados de Europa

O futuro centro integral público de atención ás persoas maiores construirase preto do Hospital Provincial, do centro de saúde da Parda e das estacións de tren e de autobús

O terreo ten 5.000 metros cadrados, é de fácil acceso e conta con todos os servizos nas súas proximidades

Pontevedra, 2 de outubro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deron a coñecer hoxe en rolda de prensa o novo emprazamento do centro integral público de atención ás persoas maiores da cidade. A nova parcela, que se atopa na Eiriña, é un dos mellores terreos da cidade para facer da residencia unha das máis avanzadas de Europa.

A conselleira de Política Social agradeceu ao Concello de Pontevedra que tomase a decisión de ceder “a xoia da coroa”, en palabras do propio alcalde, “para construír unha das mellores instalacións a nivel galego, nacional e internacional, como será a nova residencia de maiores”, indicou Fabiola García.

O novo terreo conta con 5.000 metros cadrados e está urbanizado por todos os seus frontes. Ao ser unha parcela de maior tamaño que a proposta inicial no barrio da Parda, permite ampliar a zona axardinada e tamén mellorar a accesibilidade á propia instalación.

A parcela da Eiriña atópase nun dos eixos vertebrais da cidade, a 500 metros das estacións de autobús e tren e a menos distancia do Hospital Provincial e do centro de Saúde. En concreto, localízase na Unidade de Actuación 18, situada entre a Avenida 12 de novembro e as rúas Río da Leituga, Paxariñal e Poza dos Canos.

Prazo de execución

Fabiola García explicou que se está a traballar para ter a disposición dos nosos maiores o antes posible as 900 prazas públicas que terán as sete novas residencias das cidades galegas. Neste sentido, indicou que xa se está elaborando a redacción do proxecto básico para obter a licencia municipal. Tras ter este permiso comezará a obra, que ten un prazo de execución de entre 18 e 22 meses.

12 millóns de euros


A nova residencia, que a Fundación Amancio Ortega construirá na cidade do Lérez e se integrará na rede de residencias públicas da Xunta de Galicia, contará con 120 prazas públicas, requirirá un investimento de 12 millóns de euros e permitirá a creación de 115 postos de traballo no ámbito dos coidados. A nova residencia, deseñada polo estudio coruñés Elsa Urquijo Arquitectos, contará cun equipamento de vangarda e con servizos innovadores como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias.

 

Imaxes relacionadas