A Xunta destina máis de 770.000 euros a financiar 11 unidades de atención temperá na provincia da Coruña, catro de nova creación

Este servizo é básico para identificar, previr e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade

Ordes, 2 de outubro de 2020

A Xunta de Galicia destinou este ano máis de 773.000 euros a financiar 11 unidades de atención temperá na provincia da Coruña, catro delas de nova creación. O delegado territorial do Goberno galego, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, e pola presidenta da Mancomunidade, Susana García, visitaron está mañá o servizo que pertence a este ente supramanicipal.

Trenor destacou que “o ámbito municipal é idóneo para a prestación deste tipo de apoio aos máis novos pola súa proximidade á veciñanza e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, tendo en conta ademais que un dos principios reitores da Rede galega de atención temperá é a descentralización e a proximidade”. Deste xeito, apuntou que “a atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos”.

A unidade de atención temperá da Mancomunidade de Ordes presta servizo desde 2016 a sete concellos da zona (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) e ten como obxectivo apoiar o desenvolvemento infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Esta unidade conta como persoal técnico con dúas logopedas, unha psicopedagoga e unha psicóloga, grazas a unha axuda de máis de 142.000 euros. Deste xeito, ao ano atende a unha media de 160 casos en Ordes.

129 localidades

Cómpre salientar que esta liña de achegas está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e permite que a cobertura deste servizo chegue xa a 129 localidades da nosa comunidade.

O obxectivo deste tipo de axudas é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, apostando por un modelo de servizo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.


Asociación Galega de Atención Temperá

A maiores destas unidades promovidas a través desta liña de axudas, a Consellería de Política Social subvenciona o funcionamento doutra nova unidade que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) na comarca de Bergantiños.

 

Imaxes relacionadas