O conselleiro do Medio Rural reuniuse este mediodía con membros da Asociación de Sidreiros da Estrada e visitou unha plantación dedicada á mazá

A Xunta ultima a creación dun polígono agrario para impulsar a produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes

Tras varias xuntanzas, están localizadas unhas 100 hectáreas en Cerdedo-Cotobade, ás que habería que sumar outra extensión para un segundo polígono no concello da Estrada

José González destacou que este municipio pontevedrés recolle un millón e medio de quilos de mazá de sidra cada ano nunha superficie dunhas 100 hectáreas, ademais de contar con cinco sidrerías

A Estrada (Pontevedra), 2 de outubro de 2020

A Xunta ultima a creación dun polígono agrario para impulsar a produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Así o afirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, que este mediodía se desprazou a unha plantación para coñecer a recollida da mañá de sidra e, posteriormente, se reuniu coa Asociación de Sidreiros da Estrada. O titular de Medio Rural estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde da Estrada, José López Campos, así como polo rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no caso da xuntanza.

Así, o conselleiro quixo destacar que A Estrada recolle arredor dun millón e medio de quilos de mazá de sidra cada ano en ata 100 hectáreas de superficie. Agora, tras varias xuntanzas, José González sinalou que se está traballar na mobilización de “máis terra para que se poida aproveitar para a plantación de maceiras”.

Nesa dirección, José González apuntou que “toda a comarca -o concello da Estrada pero tamén outros concellos limítrofes- reúnen unhas condicións agronómicas idóneas” para estas froiteiras e que “interesa moito mobilizar terra para facer un produto que xa ten a súa venda asegurada”. Deste xeito, sinalou que “temos xa localizado un primeiro polígono para maceiras para sidra dunhas 100 hectáreas en Cerdedo-Cotobade”, mentres na Estrada se están a buscar outras localizacións. Engadiu que “sempre que os produtores pidan ese terreo, imos buscar cos nosos técnicos as mellores condicións agronómicas para seguir facendo esta mazá de primeira calidade”.

O titular de Medio Rural enmarcou a iniciativa na estratexia de mobilización de terras que está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural, recuperando parcelas en estado de abandono ou infrautilización para incrementar a capacidade produtiva e a competitividade das explotacións galegas. Dese xeito, lembrou que se está traballando en “polígonos para viñedo nas cinco denominacións de orixe, polígonos abertos para pasteiros en Cualedro e o Plan de pastos en extensivo de Galicia”. Así mesmo, referiuse a un “polígono de plantación de cereal para a IXP Pan galego e outro polígono que ten que ver coa horta, xunto cun polígono gandeiro en Curtis”, o que sumaría en total unhas 4.000 hectáreas na comunidade.

O conselleiro puxo de relevo que a estratexia de mobilización adquirirá unha nova dimensión coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que “permitirá desenvolver os polígonos de xeito inmediato, no 2021”. Nesa liña, José González salientou que se seguirán impulsando esas figuras porque “o importante é que a terra, unha vez se mobiliza, xere valor engadido, que sexa o que provoque o efecto de que a xente queira quedar no territorio”, concluíu.

Apoio da Xunta

O conselleiro aproveitou a súa visita á Estrada para desprazarse ata unha explotación dedicada á produción de mazá, que vén de mercar unha máquina recolle-mazás para mecanizar as tarefas do agro. Así, resaltou que esa recollida culminará nun “produto final dunha calidade extraordinaria, como é a sidra en ecolóxico, que é outro valor engadido”, engadiu.

José González referiuse á titular desta explotación como un exemplo de “xente moza” emprendedora á que a Xunta está tratando de proporcionarlle “terra para que poidan ampliar as súas explotacións”.

Imaxes relacionadas