O DOG publica hoxe a lista de admitidos e excluídos para o terceiro proceso selectivo de policías locais que se levará a cabo na Agasp

Presentáronse 958 solicitudes para 73 prazas en diversos concellos galegos

Xa son mais de 80 os concellos galegos que teñen delegada as competencias na selección dos seus auxiliares e policías locais na Xunta

Mais de 250 prazas de policías foron asignadas dende que deron comezo os procesos de selección na Academia Galega de Seguridade Pública
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación provisional de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo unitario para o acceso e ingreso nos corpos de Policía local para este ano en diversos concellos galegos, para o que se presentaron 958 persoas para 73 prazas.

Segundo publica o DOG, foron admitidas 828 persoas e 126 foron excluídos por non haber acreditado diversa documentación. Xa son mais de 80 os concellos galegos que teñen delegada as competencias na selección dos seus auxiliares e policías locais na Xunta, e xa son mais de 250 prazas de policías asignadas dende que deron comezo os procesos de selección na Academia Galega de Seguridade Pública

Con data do 10 de xullo de 2020, o DOG fixo pública a Orde do 8 de xullo de 2020 pola que se convocaba o proceso selectivo unitario para o acceso e ingreso nos corpos de Policía local, categoría de policía, quendas libre e de concurso.

A listaxe provisional de persoas admitidas poderá consultarse a través da páxina web oficial da Academia Galega de Seguridade Pública http://agasp.xunta.gal A listaxe provisional de persoas excluídas na quenda de oposición libre, con indicación da causa determinante da súa exclusión, figura como anexo a esta resolución.

As persoas excluídas e os/as declarados/as non exentos/as da realización da proba de coñecementos da lingua galega disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos de lingua galega.
 

Imaxes relacionadas