A Xunta licita as obras de mellora do sistema de abastecemento en Lobios cun investimento de case 350.000 euros

As empresas interesadas na execución dos traballos poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de novembro

O obxectivo das obras, cun prazo de execución de 4 meses, é resolver as carencias na rede de abastecemento nos núcleos de Vilameá, A Devesa, San Paio e Esperanzo

Os traballos, que se centrarán na actualización do sistema de distribución, solucionarán as frecuentes roturas na rede por mor do exceso de presión

A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que desenvolvan de xeito eficiente as competencias de saneamento e abastecemento
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licita as obras de mellora do sistema de abastecemento en Lobios cun investimento de case 350.000 euros.

A Plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe o inicio do proceso de contratación destas actuacións, cun prazo de execución de catro meses.

As empresas interesadas na realización dos traballos poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de novembro.

As obras contan co cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Esta intervención ten como obxectivo resolver as carencias na rede de abastecemento nos núcleos de Vilameá, A Devesa, San Paio e Esperanzo coa fin de optimizar a calidade de subministro á poboación.

As actuación proxectada pola Xunta distribuiranse en dúas zonas: unha en Vilameá e A Devesa, e a outra en San Paio e Esperanzo.

A intervención na contorna de Vilameá e A Devesa consiste na execución dunha rede de distribución desde o depósito actual ata os dous núcleos. Proxéctase un anel principal en tubaxe de polietileno soldable dunha lonxitude de preto de 1 quilómetro. Desde o anel, prevese a instalación de tubaxes, que distribuirá o caudal necesario aos dous núcleos.

En canto aos traballos en San Paio e Esperanzo, acometeranse redes independentes para estes dous núcleos de poboación. A rede partirá do depósito existente e terá unha lonxitude de máis de 1.71 quilómetros, e desde o anel principal, e para distribuír caudal aos dous núcleos, instalaranse uns 973 metros de tubaxes.

O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento.