A delegada da Xunta en Vigo e a Fundación Impulsarse entregan os diplomas ás participantes do proxecto Gaia

Marta Fernández-Tapias acentuou o valor destas iniciativas en favor da plena integración sociolaboral de mulleres inmigrantes ou emigrantes retornadas en Vigo

Vigo, 1 de outubro de 2020.- A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na entrega de diplomas das participantes do proxecto Gaia posto en marcha pola Fundación Impulsarse.

Unha iniciativa en favor da plena integración sociolaboral de mulleres inmigrantes e emigrantes retornadas na cidade que se completou tras tres meses de talleres nos que as alumnas coñeceron os procedementos que lles afectan directamente, tales como a súa regularización, as solicitudes de asilo ou os trámites administrativos máis comúns dada a súa condición. O apoio psicolóxico e a intermediación cultural foron outros dos asuntos que puideron abordar durante a súa formación.

Neste senso, a representante autonómica avogou por a plena integración sociocultural e laboral de quen definiu como “a ponte cultural que nunca se rompeu con países irmáns como os de Sudamérica; lugar de acollida de milleiros de emigrantes galegos que no seu día marcharon de Galicia na procura de novas oportunidades”.

Así, celebrou que programas como o Gaia, posto en marcha pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e financiado con fondos europeos, “sexan a mellor mostra dese esforzo realizado polo Goberno galego e fundacións como Impulsarse que traballan na vosa plena integración”, sinalou.

E tras recordar que Galicia é a autonomía española coa maior taxa de retorno, Fernández-Tapias puxo en valor o esforzo do Goberno galego en apoiar o retorno, especialmente de aqueles que viven en países en dificultades, a través de proxectos como o Gaia -con preto de 70 iniciativas de acollemento e orientación a mulleres migrantes e retornadas- ou a Estratexia Retorna, con máis de 4,5 millóns de euros consignados.
 

Imaxes relacionadas