O titular da Xunta acompañou hoxe á S.M. o Rei Felipe VI e ao presidente de Portugal na inauguración da II edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico

Feijóo apela á política que une á cidadanía en torno a obxectivos compartidos, combinada con medidas inmediatas e de longo alcance, para afrontar o reto da resistencia e a reconstrución

Recorda que a política ancorada no perentorio é tan daniña como a que só atende os grandes asuntos

Asevera que non se trata de suspender o debate e a controversia en busca dunha imposible unanimidade, senón de protexer un espazo para “o acordo de todos e con todos”

Subliña que este segundo foro ofrece unha oportunidade para analizar o que sucede á luz da experiencia, coas achegas de mandatarios e de expertos que albisquen as tendencias do futuro
 

O Grove (Pontevedra), 1 de outubro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á política capaz de agrupar á cidadanía en torno a obxectivos compartidos para, combinada con medidas inmediatas e de longo alcance, afrontar o reto da resistencia e a reconstrución. “É preciso responder ao día a día, sen esquecer por iso políticas de longo alcance”, matizou, recordando que a política ancorada no perentorio é tan daniña como a que só atende os grandes asuntos.

Durante a inauguración da II edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, o responsable do Goberno galego aseverou que non se trata de suspender o debate e a controversia en busca dunha imposible unanimidade, senón de protexer un espazo para “o acordo de todos e con todos”. E, nesta liña, destacou que a transición española ofrece tamén neste sentido un exemplo elocuente, xa que boa parte dela discorre en medio dunha “profundísima” crise económica.

Así mesmo, salientou que a apertura deste encontro está presidida por dous xefes de Estado que fixeron da unidade dos seus pobos a súa principal misión; “un é un presidente republicano e outro un monarca constitucional, pero ambos defenden o mesmo: a liberdade, a igualdade e a fraternidade para as súas nacións. Ambos son garantía da continuidade do Estado”, dixo, incidindo en que tanto a democracia portuguesa como a española teñen nas súas xefaturas ese común denominador imprescindible nos tempos que corren.

Diante da situación inédita que estamos a vivir, cunha grave crise sanitaria e económica, Feijóo aseverou que este segundo foro ofrece unha oportunidade para analizar o que sucede á luz da experiencia, coas achegas de mandatarios que compartan vivencias, e tamén de expertos que albisquen as tendencias do futuro. “Os testemuños que oiremos nestas xornadas seguro que ampliarán o noso coñecemento e nos permitirán contemplar o que ocorre cunha perspectiva maior que non se limite ao día a día”, abundou.
 

Imaxes relacionadas