Luisa Piñeiro analiza con UFD o avance das obras de mellora de calidade do subministro eléctrico na cidade de Pontevedra e no Salnés

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra mantivo unha reunión co director de UFD en Galicia para dar seguimento aos plans de mellora das redes eléctricas co obxectivo de incrementar a fiabilidade e a calidade do subministro eléctrico

Pontevedra, 01 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, mantivo hoxe unha reunión co director de UFD en Galicia, Julio Gonzalo, para analizar os plans de mellora da calidade do subministro eléctrico nos concellos da área territorial de Pontevedra.

Na reunión estiveron tamén presentes o xefe territorial de Economía, Empresa e Innovación, Ignacio Rial, así como o delegado de UFD na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos.

Na reunión tamén se fixo un seguimento das actuacións de mellora que se están a desenvolver na provincia, e, en concreto, as actuacións na cidade de Pontevedra e nas comarcas do Morrazo e O Salnés.

Neste senso, a distribuidora eléctrica destacou os preto de 68 millóns de euros investidos nos últimos 5 anos en obras para o desenvolvemento e mantemento das redes eléctricas na provincia, co obxecto de incrementar a fiabilidade e a calidade do subministro eléctrico.

En relación á situación actual, os responsables de UFD trasladáronlle a Luisa Piñeiro que case a totalidade das obras previstas nos plans de actuacións do Morrazo e O Salnés están practicamente finalizadas e postas en servizo.

Os responsables de UFD tamén informaron sobre o avance nos traballos das liñas eléctricas de saída da subestación de Nantes, en Sanxenxo, e, neste contexto, anunciáronlle a delegada territorial que proximamente poñerase en servizo a nova saída a Meaño, e que empezarán as obras da nova saída cara ao polígono e o cámping Portonovo. Por outra banda, este ano tamén soterrouse o tramo da liña de media tensión aérea que vai dende Ostrícola ata As Sinas en Vilanova de Arousa, e que, en breve, procederase ao soterramento dun tramo da liña de media tensión en Praia Balea, no Grove. Ademais, segundo apuntou Julio Gonzalo, tamén está previsto executar antes de finais de ano a nova saída da subestación de Barro coa rede de media tensión que abastece o entorno do núcleo urbano do municipio, impulsando considerablemente a calidade e fiabilidade do subministro nesta zona.

En relación á cidade de Pontevedra, analizáronse as actuacións e obras de mellora das instalacións eléctricas no concello de Pontevedra, cumprindo co compromiso adquirido coa Xunta de Galicia e o concello, e, en concreto, o plan de robustecemento da rede, iniciado fai un ano, e que xa foi ampliado con 23 actuacións a maiores, xa que, segundo explicaron os responsables da UFD, trátase dun plan en continua revisión para incorporar novas necesidades que poidan xurdir.

En concreto, xa se realizaron traballos de mellora nos transformadores de Barcelos, Lepanto, Carabelos e Estribela, o peirao pesqueiro, a Deputación de Pontevedra, as rúas Gallastegui e Palamios. Ademais, tamén fixéronse cambios no cableado subterráneo en San Antoniño, Salvador Moreno, García Escudero, praza de Galicia, avenida de Montecelo e San Pedro Alcántara. Tal e como engadiu o director de UFD en Galicia, ao longo de 2019 e 2020 realizáronse inspeccións en tódalas liñas de Media Tensión e nos 500 centros de transformación do casco urbano da capital da provincia para detectar calquera anomalía.

Imaxes relacionadas