O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visita a zona na que se executará a nova senda peonil na AC-301 en Rois

O representante do goberno autonómico e o alcalde supervisaron o traxecto no que se construirá esta senda que saíu a información pública o venres pasado

Esta actuación suporá un investimento de preto de 600.000€

Rois, 1 de outubro de 2020

O novo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a zona na que se executará a nova senda peonil na estrada AC-301, para dar continuidade á beirarrúa existente desde o núcleo de Rois ata a rotonda das instalacións de Cortizo, e na que o Concello realizará actuacións de mellora na citada glorieta. Segundo informou o representante do goberno autonómico “o Diario Oficial de Galicia publicou, o pasado venres, o anuncio de información pública dun proxecto que permitirá mellorar a mobilidade de veciños”. Ademais, destacou “que esta actuación terá un custe importante de arredor de 600.000 euros”.

O treito considerado nesta obra vai desde a intersección coa estrada AC-301, no punto quilométrico 2+250 e o inicio das beirarrúas do núcleo de Rois, no punto quilométrico 2+800.

Gonzalo Trenor recalcou que “esta intervención se enmarca na estratexia do departamento de Infraestruturas da Xunta de fomentar a mobilidade sostible da poboación así como incrementar a seguridade viaria desta zona con elevado tránsito peonil”.

O departamento de Infraestruturas da Xunta, a través do Plan de Sendas de Galicia, executou na comarca de Santiago preto de 15 Km de itinerarios sostibles, cumprindo co obxectivo de favorecer que a xente poida facer os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bicicleta, dunha forma máis cómoda e segura.

As sendas executadas dentro desta iniciativa do Goberno galego cofináncianse con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas