Valentín García subliña a figura como orador de Ricardo Carvalho Calero e a súa contribución á lingua e literatura galegas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na presentación do libro publicado polo Parlamento de Galicia que recolle discursos e leccións do autor das letras galegas 2020

Está escolmado e editado por Pilar García Negro e complétase cunha exposición bibliográfica no marco do programa de homenaxes do Parlamento ao escritor
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia, na presentación do libro de Pilar García Negro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións, así como dunha exposición bibliográfica complementaria desta edición, ambos homenaxe da Cámara galega ao autor das Letras 2020.

O representante da Xunta de Galicia sinalou o acerto de centrar este libro-homenaxe do Parlamento de Galicia “na oratoria, unha faceta tan importante da traxectoria de don Ricardo como pouco estudada ou mencionada cando se trata de lembrar os seus méritos”. Valentín García recordou que a lingua “é, sobre todo, oralidade, como saben ben os parlamentarios que, nesta casa, a empregan a diario como ferramenta de traballo, polo que Carvalho Calero non podía deixar de cultivar e defender o idioma propio de Galicia, non só a través da creación literaria ou dos estudos de lingua e literatura que publicou, senón tamén a través da palabra falada”.

O acto estivo presidido por Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, e nel interviñeron tamén, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, a autora do libro, Pilar García Negro; a filla do homenaxeado, María Victoria Carballo-Calero, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.



Seis décadas de vida e traballo

O libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións contén 16 textos pronunciados entre 1930 e 1988 polo autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras. As disertacións, que permiten seguir a súa traxectoria vital e o seu pensamento ao longo de seis décadas, foron escolmadas pola profesora e parlamentaria Pilar García Negro, discípula do homenaxeado e experta na súa obra, quen se ocupou da edición, a introdución e as notas. A estes textos hai que sumar o prólogo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o epílogo de María Victoria Carballo-Calero, filla do autor.

O libro hoxe presentado forma parte da homenaxe que o Parlamento de Galicia lle rende a Carvalho Calero e compleméntase cunha mostra bibliográfica que selecciona 50 obras representativas dos principais fitos do autor tanto no eido da creación literaria como no da investigación académica. A exposición, inaugurada hoxe, poderá verse ata o vindeiro 1 de xaneiro de 2021 no compostelán Pazo do Hórreo, sede do Parlamento.

A Cámara galega é desde 1997 propietaria da biblioteca e do arquivo persoal de Ricardo Carvalho Calero, que pon a disposición da cidadanía, nomeadamente estudosos e persoal investigador, para favorecer o coñecemento e difusión da súa obra.

Imaxes relacionadas