Feijóo destaca unha achega total de máis de 26 millóns de euros para facer fronte ás necesidades de seguridade e hixiene derivadas da covid-19 nos centros educativos e nas universidades

Salienta a creación da Reserva de Garantía Educativa, para a dotación e adquisición de material vencellado á prevención do risco sanitario, como máscaras hixiénicas para o alumnado máis vulnerable e máscaras cirúrxicas para eventualidades

“Imos seguir apoiando ás familias con menos recursos para que poidan compaxinar a protección e hixiene máximas coa posibilidade de ir á escola de forma presencial, que é o obxectivo fundamental de todo o ensino”, sinala
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, unha achega total de 26,5 millóns de euros para facer fronte ás necesidades de seguridade e hixiene derivadas da covid-19 nos centros educativos e nas universidades.

No que atinxe aos centros educativos públicos, Feijóo aseverou que a Administración autonómica inxectará 23,5 millóns de euros, unha achega que supón un incremento do 42% dos recursos que a Consellería de Educación pon á disposición dos centros.

Dentro destes fondos, salientou a creación da Reserva de Garantía Educativa, para a dotación e adquisición de material vencellado á prevención do risco sanitario, como máscaras hixiénicas certificadas para o alumnado máis vulnerable economicamente –seguindo os estándares do sistema de gratuidade solidaria de libros de texto- e máscaras cirúrxicas para eventualidades, ademais de equipamento para cumprir coas medidas de illamento ante sospeita de síntomas compatibles co coronavirus –batas desbotables, máscaras FFP2, pantallas faciais reutilizables, hidroxel, luvas, mamparas e produtos desinfectantes-.

“Imos seguir apoiando ás familias con menos recursos para que poidan compaxinar a protección e hixiene máximas coa posibilidade de ir á escola de forma presencial, que é o obxectivo fundamental de todo o ensino”, sinalou o titular do Goberno galego.

En relación ás universidades, Feijóo aseverou que a Xunta transferirá 3 millóns de euros adicionais para compensar os gastos da adaptación á covid-19.

Sobre isto, explicou que as universidades recibirán unha parte fixa –o 30% do importe total do acordo- e outra parte variable –o restante importe, 70%-, que se divide en función do indicador do custe estándar co que se reparte o fondo estrutural do Plan de Financiamento. Así, a Universidade de Santiago de Compostela recibirá algo máis de 1.150.000 euros; a de Vigo, case 1 millón; e a da Coruña, algo máis de 880.000 euros.

 

Imaxes relacionadas