A Xunta sinala que o proxecto europeo Trafair é un exemplo de como a innovación contribúe a mellorar o benestar da sociedade

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na entrega do II Premio x Aire Limpo a Santiago de Compostela por esta iniciativa na que participa o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga)

Trafair ten por obxectivo contribuír á mellora da calidade do aire nas cidades a través dunha ferramenta integral e rápida que permita estimar o nivel de contaminación derivada de diferentes condicións de fluxo de tráfico

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Patricia Argerey, sinalou este mediodía que o proxecto europeo Trafair é un exemplo de como a innovación contribúe a mellorar o benestar da cidadanía. Argerey participou na entrega do II Premio X Aire Limpo a Santiago de Compostela por esta iniciativa, da que, ademais do Cesga, forman parte outros socios de seis cidades europeas entre os que se atopan o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo do proxecto Trafair: Understanding traffic flows to improve air quality, que está financiado polo programa europeo Connecting Europe Facility Telecommunication 2014-2020, é desenvolver servizos innovadores e sostibles que combinen datos de calidade do aire, condicións climáticas e fluxos de tráfico para producir información en beneficio da cidadanía. En definitiva, contribuír á mellora da calidade do aire nas cidades a través dunha ferramenta integral e rápida que permita estimar o nivel de contaminación derivada de diferentes condicións de fluxo de tráfico, permitindo así optimizar as estratexias de control.

Neste proxecto, o Cesga achega a súa experiencia na prestación de soporte á produción de predicións operativas (así o demostra o seu longo historial de servizo a MeteoGalicia, Portos do Estado ou o Programa Europeo de Monitorización Ambiental Copernicus); á participación na xeración de predicións sobre a calidade do aire e o fluxo de tráfico nas seguintes 48 horas, xerando mapas que permiten visualizar os resultados e tomar as medidas adecuadas; á paralelización e optimización do código de predición da calidade do aire para que poida executarse de forma eficiente empregando computación de alto rendemento (HPC); poñendo as súas infraestruturas HPC ao servizo da cidadanía e das administracións para que dispoñan dun mapa da calidade do aire e do fluxo de tráfico na cidade de Santiago de Compostela; e xerando software de código aberto que permita realizar este tipo de simulacións.

Entre os resultados acadados, atópanse dúas aplicacións para móbiles que xa están dispoñibles, Trafair Forecast e Trafair Green Areas, que permiten consultar a predición e o estado en tempo real de contaminantes no aire en Santiago de Compostela, en Zaragoza e en Módena (Italia).

Imaxes relacionadas