O vicepresidente económico, Francisco Conde, clausurou hoxe por videoconferencia a asemblea xeral da Asociación de Empresarios de Mos (Aemos)

A Xunta ofrece diálogo e colaboración á nova directiva de Aemos para impulsar a competitividade do tecido empresarial de Mos

Asegura que, desde que comezou a pandemia, o obxectivo do Goberno galego foi estreitar ao máximo o contacto cos axentes económicos e sociais, e que esa vai ser a liña a seguir para encarar a recuperación

Apunta que o Plan de reactivación económica de Galicia vai ser o mellor instrumento para superar a crise, buscando que a economía creza a longo prazo e facendo a necesaria transición dixital e enerxética

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, deu hoxe a benvida á nova xunta directiva da Asociación de Empresarios de Mos aos que ofreceu a máxima colaboración da Xunta de Galicia para impulsar o tecido empresarial de Mos.

Na clausura da asemblea xeral da asociación, na que interveu por videoconferencia, Conde asegurou que, desde que comezou a pandemia, o obxectivo do Goberno galego foi estreitar ao máximo o contacto cos axentes económicos e sociais, e que esa vai ser a liña a seguir para encarar a reactivación económica. Nese sentido, agradeceu o traballo desenvolvido polo anterior equipo directivo de Aemos e manifestou o seu convencemento de que a Xunta atopará no novo a mesma predisposición ao diálogo.

Apuntou que o Plan de reactivación económica de Galicia vai ser o mellor instrumento para superar a crise, buscando que a economía creza a longo prazo e facendo a necesaria transición dixital e enerxética. Así, apostou por impulsar as novas tecnoloxías e a dixitalización do tecido empresarial para dar un valor diferencial á economía galega e que as empresas gañen competitividade e poidan crear emprego de calidade.

Segundo apuntou, iso supón potenciar a Industria 4.0 en sectores como o da automoción —con presenza no polígono da Veigadaña—, confiar no efecto tractor que teñen as enerxías renovables na economía, seguir apoiando o emprendemento e dar as máximas facilidades ás empresas que queiran desenvolver novos proxectos ao igual que o está a facer Mos como Concello Emprendedor. Ao respecto, puxo como exemplo o proxecto empresarial cualificado como singular, Pemos18, que promove Aemos en colaboración coa Xunta e que se vai materializar no parque empresarial deste concello.

Imaxes relacionadas