O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe as instalacións do centro, unha das sete bibliotecas xestionadas polo Goberno autonómico

A Xunta mellorará e aumentará o espazo de almacenaxe e depósito da Biblioteca Pública Antonio Odriozola

Vense de licitar por 60.000 euros a subministración e instalación de armarios móbiles cos que se mellorarán as condicións de conservación dos fondos

Pontevedra, 30 de setembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo A. Lorenzo, visitou hoxe a Biblioteca Pública Antonio Odriozola na que a Xunta vai mellorar as condicións de almacenaxe e depósito dos seus fondos documentais, aumentando o espazo nas mellores condicións físicas e de seguridade que requiren este tipo de documentos.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Goberno autonómico vén de licitar o servizo de subministración e instalación de armarios móbiles por valor de máis de 60.000 euros. O contrato inclúe as tarefas de traslado dos armarios, descarga e a súa instalación na biblioteca, empregando para iso a maquinaria axeitada para este tipo de subministración. Todas estas tarefas realizaranse coas máximas garantías de seguridade, conservación e preservación axeitadas. Establécese un prazo de dous meses desde a sinatura do contrato.

Anxo M. Lorenzo recordou que estes traballos se enmarcan no compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de “apoiar e velar polo correcto desenvolvemento do sistema bibliotecario de Galicia, dotándoas de mobiliario e equipamento necesario para o cumprimento das súas funcións”, indicou. Neste caso, a Biblioteca Antonio Odriozola é unha das sete bibliotecas xestionadas polo Goberno autonómico, xunto coa Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, a Biblioteca Miguel González Garcés, na Coruña; a Biblioteca de Lugo; a Biblioteca de Ourense; a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela e a Biblioteca Juan Compañel de Vigo.

A Biblioteca Antonio Odriozola conta cunha ampla colección de obras que inclúe desde un fondo antigo de prensa ata diferentes publicacións de narrativa, poesía, teatro, biografías, ensaio, libros de viaxes, xuvenil, banda deseñada, libros de idiomas, lecturas escolares ou o Fondo Pontevedra, con obras sobre a cidade e unha colección accesible con materiais adaptados a persoas con diferentes disfuncións lectoras. Ademais, foi incorporando ao longo da súa historia numerosas adquisicións que conforman o fondo especial que inclúe incunables dos séculos XVI, XVII e XVIII, depósitos da colección da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a Colección Sampedro, libros en homenaxe a Losada Diéguez, parte da biblioteca das irmás Mendoza ou fondos da biblioteca do profesor Carlos Villar, entre outras.