A Xunta aborda co director do Instituto Social da Mariña distintos asuntos de interese para o sector pesqueiro galego

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co director do Instituto Social da Mariña (ISM), Luis Casqueiro, para abordar distintos asuntos de interese para o sector pesqueiro galego como a situación do centro que o organismo ten en Corcubión e que permanece pechado pola ausencia de persoal sanitario, o que dificulta a obtención por parte dos profesionais do mar da zona dos recoñecementos médicos requiridos para embarcar. Neste sentido, Galicia defendeu na xuntanza a necesidade de dotar aos centros coma este do persoal necesario para realizar as súas funcións con total normalidade.

O encontro, no que tamén participou o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, serviu para analizar outros asuntos como a extensión das prórrogas de vixencia dos certificados médicos de aptitude para o embarque, dos documentos de revisión dos botiquíns esixidos a bordo ou dos certificados de formación sanitaria co obxectivo de facer fronte ás dificultades administrativas derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus. As partes abordaron no encontro as posibles medidas a adoptar e o xeito de facilitar o traballo dos profesionais do mar ante esta situación excepcional.

Imaxes relacionadas