O conselleiro do Medio Rural visitou esta mañá en Láncara o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria

A Xunta investiu este ano 2,4 millóns de euros en fomentar o uso da maquinaria agrícola en réxime asociativo no rural galego

Así o destacou José González, poñendo de relevo que un total de 24 cooperativas resultaron beneficiarias destas axudas para promover o emprego da maquinaria agrícola en conxunto

O conselleiro tamén lembrou que este ano se convocaron 41 millóns de euros en achegas para apoiar os plans de mellora, a incorporación de mozos ao agro e o desenvolvemento de pequenas explotacións, unhas subvencións que en moitos casos tamén se dirixen á compra de maquinaria

González referiuse á futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, que supón “unha aposta pola recuperación do territorio a través do fomento dunha actividade agrogandeira e forestal rendible, respectuosa co ambiente e cun criterio de sustentabilidade”

Láncara (Lugo), 30 de setembro de 2020

A Xunta investiu este ano 2,4 millóns de euros en fomentar o uso da maquinaria agrícola en réxime asociativo no rural galego. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita ao Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), onde puxo de relevo que un total de 24 cooperativas resultaron beneficiarias destas axudas para promover o emprego da maquinaria agrícola en conxunto.

No caso concreto da provincia de Lugo, catro cooperativas recibiron algo máis de medio millón de euros por este concepto. Foi o que salientou o titular de Medio Rural, ao tempo que apuntou que a estas subvencións cómpre engadirlle “outra importante vía de apoio ao sector, por parte da Consellería, para impulsar a súa mellora tecnolóxica”.

Así, o conselleiro referiuse ás achegas para impulsar os plans de mellora, a incorporación de mozos ao agro e o desenvolvemento de pequenas explotacións. Neste caso, sinalou que máis dun millar de agricultores e gandeiros galegos recibiron 40 millóns de euros en axudas o ano pasado, unhas subvencións que en moitos casos tamén se dirixen á compra de maquinaria agrícola. Neste 2020, segundo dixo, o orzamento “ascendeu aos 41 millóns, coa intención de aumentar o número de beneficiarios”.

Nesa liña, José González trasladou a aposta da Xunta pola “modernización do sector e a mellora da súa competitividade”, sinalando que “temos que seguir incentivando o enfoque empresarial da actividade agrogandeira, baseada en conceptos como a optimización dos recursos dispoñibles, a calidade ou o asociacionismo”. Nesa dirección, asegurou que o rural galego ten futuro pero que “ese porvir tense que cimentar no coñecemento e o respecto polo seu pasado, e pola confianza e o traballo no presente”.

Deste xeito, o conselleiro quixo poñer o Muvicla como “exemplo de dinamismo no noso rural, xa que recrea a nosa tradición agraria, neste caso vinculada á maquinaria, para poñela en valor e, polo tanto, proxectarnos no presente e cara ao futuro”. Destacou, así mesmo, que este é un museo “vivo e integrado” no que se amosa unha especial “sensibilidade polo rural no seu conxunto”.

En relación con isto, José González referiuse tamén á futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, que supón -dixo- “unha aposta pola recuperación do territorio a través do fomento dunha actividade agrogandeira e forestal rendible, respectuosa co medio ambiente e cun criterio de sustentabilidade”.

Os titulares deste museo que hoxe visitou o conselleiro contan tamén cunha explotación dedicada fundamentalmente á produción de carne de vacún ecolóxica e que conta con animais de diversas razas (rubia galega e caldelá, entre outras). Ademais, está integrada na Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira Río Neira. Así mesmo, producen tamén mazá en ecolóxico, un feito que foi destacado por José González como demostración da súa aposta pola diversificación e por un rural vivo e rendible.

Imaxes relacionadas