Mercedes Peón leva a Oroso 'Déixaas' dentro da programación do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe esta iniciativa que terá lugar o vindeiro domingo no parque do paseo do Carboeiro

A artista galega estará acompañada de Ana Fernández e Mónica de Nut e a entrada é de balde, con reserva previa, ata completar a capacidade do espazo
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro 2020

Mercedes Peón leva ao concello coruñés de Oroso o seu proxecto Déixaas, no marco da programación do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que promove a Xunta de Galicia. Así o deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto á artista galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a singularidade desta proposta que ten como obxectivo “dinamizar a lingua galega da man dunha das nosas artistas máis internacionais”. “Mercedes Peón é unha das persoas que durante moitos anos máis contribuíu enormemente á salvagarda e á recuperación da lingua galega desde o ámbito da música tradicional galega, labor ao que dedicou gran parte da súa vida profesional”, abondou Valentín García. Nesta liña, engadiu que a artista continúa a día de hoxe desde a súa proxección internacional e desde o circuíto mundial, promovendo e visibilizando a lingua con experiencias musicais innovadoras, temáticas e ámbitos máis ligados á vangarda e á modernidade.

A cita é o vindeiro domingo, 4 de outubro, no parque do paseo do Carboeiro, en Sigüeiro. A entrada é de balde, con reserva previa, ata completar a capacidade de 120 asistentes neste espazo exterior. En caso de choiva, o concerto trasladarase á alameda de Gois.

Composición sonora única no mundo

Déixaas é unha proposta de Mercedes Peón que, neste caso, se presenta acompañada de dúas relevantes artistas do noso panorama musical: Ana Fernández e Mónica de Nut. Tres mulleres e tres músicas interpretando unha composición sonora en formato circular, contemporánea e electrónica única no mundo que ten as súas orixes no noso patrimonio inmaterial musical, simbólico e lingüístico. Trátase dun traballo que amplía o universo creativo da autora combinando artesanía musical e vangarda creativa e que xorde como resultado dunha intensa etapa de investigación sobre as posibilidades da arte sonora traída ao eido no que Mercedes Peón se ergue como referente internacional: a música de raíz, a tradición máis xenuína.

Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021

No marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19, a Xunta de Galicia promove a creación dun repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.
 

Imaxes relacionadas