Comesaña destaca a importancia do traballo conxunto entre a administración sanitaria e as asociacións de pacientes oncolóxicos

O conselleiro de Sanidade inaugurou o novo local da Asociación contra o cancro de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca que o Servizo Galego de Saúde debe contar co traballo e a experiencia das asociacións de pacientes a través dos Consellos Asesores e outras iniciativas. “O fin é estar cerca das persoas e dos pacientes, coñecer os seus problemas cotiás e trasladárnolos ás administracións”, afirmou o conselleiro de Sanidade na inauguración do novo local da Asociación contra o cancro de Santiago. Julio García Comesaña sinalou tamén que entre os obxectivos do Sergas están elaborar un Plan Galego de Oncoloxía para axilizar o itinerario de visitas e acelerar o diagnóstico, incorporar novos cribados como o de cancro de pulmón, poñer en marcha un centro de terapia CAR-T en Galicia e incidir na prevención a través da promoción de hábitos de vida saudables e da diminución dos factores de risco.

Comesaña tamén lembrou as actuacións realizadas nos últimos anos no eido da mellora da atención sanitaria aos pacientes oncolóxicos como o desenvolvemento de sete vías rápidas (mama, colon, próstata, pulmón, vexiga, cabeza ou melanoma). Outra das actuacións realizadas foi o desenvolvemento da lei de garantías cun tempo máximo de espera para parte das patoloxías oncolóxicas de 45 días para a primeira consulta ou proba diagnóstica e de 60 días para a intervención cirúrxica; ou a posta en marcha de novos cribados como o de colon e o inicio do de cérvix.
 

Imaxes relacionadas