A Xunta publica o epistolario de Florentino López Cuevillas no marco do centenario da Xeración Nós

A obra, presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, recolle a correspondencia do integrante da Xeración Nós entre o ano 1925 e 1958

Conta con máis de 1000 cartas a diferentes persoeiros do mundo da cultura, da ciencia ou da política como Henri Breuil, Pedro Bosch Gimpera ou Castelao

Ourense, 29 de setembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no salón de actos da Delegación Territorial de Ourense o libro Cuevillas e os seus contemporáneos. Trátase dun epistolario publicado no marco da conmemoración do centenario da Xeración Nós e no que se recolle a correspondencia de Florentino López Cuevillas entre os anos 1925 e 1958.

Así, con motivo de celebrarse este ano o centenario de Nós, a Xunta de Galicia publica este volume coa correspondencia que este integrante da Xeración Nós mantivo con diferentes persoeiros do mundo da cultura, da ciencia ou da política, entre os que destacan figuras como Henri Breuil, Adolf Schulten, Pedro Bosch Gimpera ou Castelao. Un total de 1000 cartas, tanto emitidas como recibidas, con 70 interlocutores que forman parte de diferentes arquivos familiares, fundacións, museos e arquivos.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través deste epistolario, pódense observar as reflexións máis intimas de Cuevillas, sobre diferentes facianas da súa biografía, tanto no ámbito persoal e familiar, como no profesional sobre todo no campo da arqueoloxía, político e sociocultural. “Ao longo destas misivas ponse de manifesto a personalidade dun traballador incansable que antepón o amor á terra e o desenvolvemento cultural e científico do país por enriba por de calquera outra consideración”, explicou Anxo M. Lorenzo.

Na presentación do epistolario tamén estiveron presentes os autores do libro, Avelino Rodríguez González e Xulio Rodríguez González, que resaltaron algún dos aspectos máis importantes que se poden extraer da lectura desta correspondencia abranguen desde o galeguismo e o Estatuto de Galicia ata o compromiso coa lingua galega, as relacións cos investigadores foráneos e os lazos con Portugal, o Seminario de Estudos Galegos e o impulso e renovación do método arqueolóxico, entre outros.

Conmemoración

A publicación deste libro forma parte dun amplo abano de actividades nas que a Xunta de Galicia traballa para conmemorar este fito. Neste sentido, cómpre destacar que nos vindeiros días inaugurarase a mostra Galicia, de Nós a nós na Cidade da Cultura. Trátase da exposición máis ambiciosa realizada ata agora sobre a Xeración Nós na que o obxectivo é amosar ante a sociedade a trascendencia do que, xunto ao Rexurdimento, é probablemente o momento histórico máis relevante de conformación da cultura e identidade galega. Tras o seu paso por Santiago de Compostela, a mostra poderase visitar tamén en Ourense e Pontevedra.