A Xunta destaca a formación especializada como clave para impulsar a competitividade da Industria Forestal Galega

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde nun curso sobre tecnoloxía LIDAR organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia co apoio da Xunta

Subliña a importancia de incorporar talento profesional á cadea de valor, unha das apostas da Axenda de Impulso da Industria Forestal
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe mediante videoconferencia nun curso sobre tecnoloxía LIDAR (polo seu acrónimo en inglés, Light Detection and Ranging, detección por luz e distancia) organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia (COETEFG) co apoio da Xunta.

Na súa intervención, Lema subliñou que a formación especializada é clave para impulsar a competitividade da industria forestal galega, e destacou tamén a importancia de incorporar talento profesional á cadea de valor, lembrando que esta é unha das apostas da Axenda de Impulso da Industria Forestal.

Así, este ano Xera apoia con preto de 500.000 euros a posta en marcha de 157 accións formativas, nas que se espera que participen 2.500 profesionais, e 14 accións de divulgación que se espera que chegarán a 10.000 persoas.

O director de Xera subliñou que os enxeñeiros están chamados a protagonizar a incorporación e extensión do coñecemento tecnolóxico, apuntando que o COETEFG servirá de canle entre os profesionais, a administración e as empresas para identificar e incorporar talento á industria que facilite os necesarios procesos de dixitalización.
 

Imaxes relacionadas