A delegada territorial da Xunta en Vigo visita a Fundación Secretariado Xitano e o centro HC San Rafael

Vigo, 28 de setembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe a Fundación Secretariado Xitano e o Centro HC San Rafael, co obxectivo de coñecer de primeira man os programas sociais que desenvolve no primeiro caso a asociación e no segundo a Obra Social dos Irmáns de San Juan de Dios.

Estas visitas enmárcanse na rolda de contactos iniciadas pola representante autonómica tras tomar posesión e que se estenderán ao resto das asociacións sociais de Vigo nas vindeiras semanas. Así, no primeiro caso, tivo oportunidade de reunirse co responsable da fundación en Vigo, Gorka de Luis, quen lle explicou as liñas de traballo desenvolvidas na cidade no ámbito do emprego, a educación, de apoio a muller e a saúde.

Neste sentido, De Luis agradeceu a implicación da Xunta co proxecto da fundación, cun papel fundamental, posto que -dixo- financia ou cofinancia o 99% dos programas que nela se desenvolven.

Xa no HC San Rafael, Fernández-Tapias, que tivo a oportunidade de conversar con algúns dos usuarios da clínica, coñeceu de parte do equipo directivo os pormenores da aplicación do protocolo COVID que se está a levar a cabo seguindo as instrucións das autoridades sanitarias. Posteriormente, realizou unha visita as instalacións do centro interesándose especialmente polas actividades que se desenvolven nos talleres ocupacionais.

Neste senso, a delegada territorial puido comprobar, e así llo confirmou a dirección, como o HC San Rafael vai recuperando a normalidade no contexto actual da pandemia.

Imaxes relacionadas