A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu hoxe a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte desta área, integrada por 17 concellos e a Xunta

A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, que permitiu que 182.000 veciños aforrasen máis de 33 millóns de euros nos seus desprazamentos

O obxectivo é garantir a continuidade deste plan social nos vindeiros 4 anos, en condicións similares ás que se aplican desde a súa implantación hai case 10 anos

Vázquez Mourelle salienta o aumento do 30% no uso do transporte público asociado ao Plan, que desde 2011 rexistrou 56 millóns de viaxes bonificadas

Destaca que actualmente 160.000 veciños da área empregan a tarxeta TMG nas viaxes cotiás, coa que acadan aforros que poden roldar os 1.000 euros anuais

Na área da Coruña hai 22.000 mozos menores de 21 anos que dispoñen da tarxeta Xente Nova, coa que viaxan de balde no autobús da Xunta, o que supón o 30% do total de tarxetas expedidas en toda Galicia

Explica que o novo Plan de Transporte Público, que culminará a finais de ano, inclúe melloras nas conexións cos hospitais CHUAC, Materno e Abente y Lago, co campus universitario de Elviña e co aeroporto de Alvedro

Ademais, increméntanse as liñas e frecuencias nas conexións cos polígonos industriais como o do Espíritu Santo, Sabón ou Iñás, entre outros

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020

A Xunta propuxo hoxe un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, que permitiu xa que 182.000 veciños aforrasen máis de 33 millóns de euros nos seus desprazamentos.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área da Coruña, da que forman parte 17 concellos e a Xunta.

Na reunión abordouse o balance de funcionamento deste plan social activado hai case 10 anos e tratouse a proposta de novo convenio para garantir a súa continuidade nos vindeiros 4 anos, en condicións similares ás que se veñen aplicando desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2011.

A conselleira salientou o éxito deste plan, grazas ao que se acadou un incremento de máis do 30 % no uso do transporte público. Detallou que desde a súa posta en marcha se realizaron 56 millóns de viaxes bonificadas ao abeiro do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé no apoio ás familias que supón esta iniciativa, pois na actualidade hai 160.000 veciños da área da Coruña que empregan a Tarxeta de Transporte Metropolitano, TMG, nos desprazamentos cotiáns, coa que poden acadar aforros que roldan os 1.000 euros ao ano.

Precisou, ademais, que nesta área tamén hai 22.000 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa tarxeta Xente Nova da Xunta. A área da Coruña é onde máis Xente Nova se teñen expedido, o 30% de toda Galicia, remarcou.

Por exemplo, un viaxeiro habitual entre Oleiros e A Coruña paga, sen Tarxeta de Transporte Metropolitano, 1,55 euros no autobús interurbano máis 1,20 euro de urbano, é dicir, un mínimo de 2,75 no desprazamento de ida e o mesmo no de volta. Isto significa, contando os días laborables, un gasto mensual aproximado de 121 euros ao mes, é dicir, 1.452 euros ao ano. Se esa persoa paga esas viaxes con Tarxeta de Transporte Metropolitano, TMG, a viaxe desde Oleiros custaralle 0,88 euros e a viaxe en urbano sairalle gratis. Así, o gasto ao mes pasa a 33€ (tendo en conta o desconto por usuario recorrente) e o gasto anual baixa ata arredor de 400€, o que sitúa o aforro en case 1.000 euros ao ano en viaxes en autobús.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que todos estes beneficios son posibles grazas a unha achega económica que soporta de forma maioritaria a Xunta, que financia practicamente o 85% do Plan, fronte ao 15% que se reparte entre os 17 concellos.

Impulso transporte público

Ethel Vázquez lembrou que desde a súa constitución, o Plan de Transporte Metropolitano foi incrementando as facilidades relacionadas co uso do transporte colectivo. Así, entre os fitos importantes na área da Coruña, referiuse ao plan de accesibilidade co que se facilita a entrada dos autobuses ao centro da cidade, optimizando os percorridos e paradas dos autobuses interurbanos no centro e eliminando transbordos.

Explicou como a reordenación das liñas de autobús interurbano de Galicia está a multiplicar a cobertura coas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, e como este traballo se culminará a finais de ano coa transformación completa do mapa de transportes, que “suporá novas vantaxes para os veciños da área da Coruña”, apuntou.

Referiuse á entrada en servizo das novas liñas que mellorarán as conexións entre A Coruña e todos os municipios da área, respondendo mellor ás necesidades actuais dos veciños. Citou entre elas, as conexións cos hospitais: CHUAC, Materno, Abente y Lago; e as conexións co campus universitario de Elviña e cara ao aeroporto de Alvedro; ademais do incremento de liñas e frecuencias nas conexións cos polígonos industriais como o do Espíritu Santo, Sabón ou Iñás, entre outros.

A conselleira explicou que tamén os novos servizos de transporte irán estendendo, de modo progresivo, o uso da tarxeta Xente Nova a todo o territorio, o que significa que no vindeiro ano todos os menores de 21 anos da provincia da Coruña poderán viaxar de balde no autobús da Xunta.

A responsable de Mobilidade resaltou que neste complexo momento cómpre apostar polo transporte público para garantir o acceso da poboación á educación, á sanidade ou aos centros de emprego.

Para isto, apuntou que a Xunta non só bonifica as viaxes en autobús no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, senón que tamén se mobilizarán 74 millóns de euros ao ano, na vindeira década, para blindar o transporte público.

 

Imaxes relacionadas