A Xunta amplía o Programa de reforzo educativo con 400 novos profesores para que ningún alumno quede atrás

Así llo trasladou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, aos representantes das anpas, en reunión por videoconferencia para dar conta do inicio de curso e poñer en común as accións de futuro

Galicia contará neste curso con preto de 1.000 docentes dedicados principalmente a dar apoio específico ao alumnado máis vulnerable

Tamén poderán reforzar a atención das necesidades académicas nos supostos de que haxa aulas ou grupos que se poidan ver afectados por corentenas parciais

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade reforzará con outros 405 docentes (que se engaden aos 543 xa previstos antes do inicio de curso) o reforzo educativo nas aulas galegas co obxectivo de que ningún alumno se quede atrás e que, independentemente das súas circunstancias, saia reforzado no proceso de aprendizaxe durante este curso escolar.

Así llo trasladou esta mañá o conselleiro Román Rodríguez aos representantes das anpas, reunido por videoconferencia coa Confederación Anpas Galegas, Confapa e Congapa, con quen abordou o inicio de curso así como as principais accións que se van poñer en marcha por parte do Goberno galego.

Os profesores contratados ao abeiro do Programa ARCO farán un seguimento específico de alumnos máis vulnerables, e tamén reforzarán as competencias básicas (lingüística, matemática e científica tecnolóxica principalmente) coa finalidade de manter a calidade do sistema. Ademais, poderán reforzar a atención das necesidades académicas nos supostos de que haxa aulas ou grupos de alumnos que se poidan ver afectados por corentenas parciais.

A Xunta reafirma o seu compromiso co alumnado máis vulnerable a través desta contratación de docentes de reforzo, posible grazas á reestruturación de fondos orzamentarios da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Así, o número total de novos profesores neste curso en Galicia sobre os inicialmente previstos ascende a preto de 2.300 (algo máis de 1.300 para atender a desdobres e incremento de oferta e case 1.000 máis exclusivamente de reforzo do alumnado que o precise).

Preservar a calidade e a equidade do sistema

Román Rodríguez explicoulles aos representantes das anpas que o obxectivo prioritario do Executivo autonómico é manter o curso escolar dentro da máxima normalidade posible neste contexto, e que a Xunta non vai escatimar recursos para preservar a calidade do sistema educativo galego, que se reflicte en indicadores como os resultados de Pisa ou a menor taxa de abandono escolar do Estado.

Precisamente a principal medida do seu departamento para este curso foi o reforzo do profesorado con novas contratacións para atender os desdobres de aulas en todas as etapas educativas e, especialmente, en secundaria, Bacharelato e FP.

Logo deste primeiro momento de inicio de curso, Román Rodríguez subliñou que unha das principais preocupacións do Goberno galego é reforzar o proceso de aprendizaxe do alumnado máis vulnerable. De aí a contratación de 405 novos profesores a tempo parcial a través do programa ARCO de Reforzo Educativo, que unidos aos 543 xa previstos anteriormente, fai que haxa preto de 1.000 docentes que neste curso se van dedicar de xeito exclusivo ao reforzo do alumnado que máis o precise.

Imaxes relacionadas