A Xunta conclúe o deseño da nova estación de autobuses da intermodal de Lugo cun investimento de 6 millóns de euros e o obxectivo de dar servizo a 30.000 viaxeiros ao ano

A Consellería de Infraestruturas presenta o proxecto dunha nova terminal de autobuses “ambiciosa e esteticamente coidada” para Lugo e informa de que o deseño para a praza da actual estación está tamén xa perfilado

O proxecto da nova estación prevé unhas instalacións de 550 m² de superficie en 2 andares e un total de 23 dársenas para os autobuses

Vázquez Mourelle insiste na urxencia de recoller nun convenio os compromisos de cada administración coa intermodal, como se fixo nas estacións que a Xunta executa en Santiago, Ourense e Vigo e vén de facerse na Coruña

O Goberno galego ratifica o seu compromiso de financiar a nova estación de autobuses de Lugo e de participar no financiamento dos elementos urbanísticos comúns
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020

A Xunta informou hoxe da conclusión do deseño da nova estación de autobuses da intermodal de Lugo, que prevé un investimento autonómico de 6 millóns de euros e se marca como obxectivo dar servizo a 30.000 viaxeiros ao ano.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia da comisión de seguimento da estación intermodal de Lugo. Neste encontro, no que participaron a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e representantes da Secretaría Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, as administracións abordaron a proposta de convenio para o desenvolvemento conxunto da estación intermodal.

Vázquez Mourelle informou de que o Executivo autonómico está a avanzar para cumprir os seus compromisos coa estación intermodal de Lugo e xa ten case finalizado o proxecto básico da nova terminal de autobuses. Explicou que se trata dunha terminal con dous andares e 550 m² de superficie e un espazo para autobuses cun total de 23 dársenas.

O andar a cota de dársenas ten un interior con espazos diáfanos no que se atoparán as zonas de atención a viaxeiros e a cafetería, mentres que o andar superior se destinará a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal.

Tamén lembrou que o Goberno galego xa dispón dunha proposta para transformar a actual ubicación da terminal nun espazo público para dinamizar a área, creando unha gran praza con zonas verdes e espazos para o comercio local. Nos vindeiros días a Xunta abordará este proxecto co Concello de Lugo co obxectivo de introducir as achegas municipais que correspondan.

Tendo en conta o nivel de desenvolvemento do proxecto da nova estación de autobuses, a conselleira trasladou a necesidade de plasmar nun convenio os compromisos de cada Administración, mecanismo que xa permitiu que a Xunta estea a executar as intermodais de Santiago, Ourense e Vigo. Informou, ademais, de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de pechar un acordo similar para a estación intermodal da Coruña.

Considerou imprescindible contar canto antes o convenio para definir o procedemento urbanístico e para fixar o reparto de responsabilidades e do financiamento. A este respecto, a Xunta ratificou hoxe o seu compromiso de custear integramente a nova estación de autobuses e a súa vontade de participar no cofinanciamento de elementos comúns de urbanización, como o chamado “paso de cidade”.

En relación co aparcamento, a Xunta lembrou que este elemento foi incorporado ao proxecto conxunto por Adif co obxectivo de responder ás necesidades da terminal ferroviaria e propuxo que se financie empregando recursos do Fondo europeo de reconstrución, tal e como se está a plantexar nas estacións intermodais doutras cidades galegas. A Xunta asumirá o sobrecusto que supón executar a estación de autobuses sobre ese aparcadoiro.

Garantías de servizos ferroviarios de calidade

Doutra banda, o Goberno galego lembrou hoxe o importante esforzo que está a realizar para manter e mellorar os servizos de autobús na Comunidade e advertiu da súa preocupación pola evolución dos servizos ferroviarios en Galicia en xeral e na provincia de Lugo en particular.

A responsable de Infraestruturas e Mobilidade dirixiuse hoxe á Secretaría Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes para trasladarlle a necesidade de que o avance na estación intermodal de Lugo vaia acompañado de garantías de servizos ferroviarios competitivos para a cidade para a provincia.

 

Imaxes relacionadas