A Xunta organiza en Mondariz unha xornada sobre o aproveitamento sostible de plantas de interese medicinal, aromático e cosmético

Celebrarase os vindeiros 3 e 10 de outubro na biblioteca municipal, sita na casa da Cultura de Mondariz

A iniciativa intégrase no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2020.- A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza en Mondariz unha xornada técnica sobre o aproveitamento sostible de plantas de interese medicinal, aromático e cosmético. Terá lugar en dúas tandas, debido ás restricións da Covid-19, os vindeiros 3 e 10 de outubro na biblioteca municipal, sita na casa da Cultura.

A xornada vai dirixida a traballadores do sector agrario, agroalimentario e forestal e outros interesados na materia, como titulados de ciclos formativos, empresarios ou membros de comunidades de montes e asociacións de veciños. Nesta xornada técnica, abordarase a obtención de infusións e esencias a partir de especies silvestres medicinais e aromáticas de procedencia galega. Contarase coa participación de Francisco Javier Silva Pando, investigador e coordinador científico deste proxecto e técnico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Ademais, tamén participarán outros profesionais que tratarán temas como os principios activos das plantas medicinais enfocado á actividade terapéutica das mesmas, o cultivo e procesado destas plantas e finalmente celebrarase un taller práctico sobre as normas de recolección e a obtención de extractos de plantas destas características.

Este curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que leva a cabo a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Imaxes relacionadas