Medio Ambiente e a Asociación Galega de Empresas de Enxeñería cooperarán para axilizar a tramitación de novos proxectos

A conselleira Ángeles Vázquez e a xunta directiva de Ageinco mantiveron unha xuntanza para analizar as posibles liñas de colaboración entre ambas entidades

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco) explorarán posibles vías de colaboración e de traballo conxunto naquelas materias sobre as que teñen intereses compartidos.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a xunta directiva da asociación durante unha xuntanza que a entidade aproveitou para presentarse oficialmente e expoñer o proceso de transformación no que se atopan inmersos co fin de constituír o Clúster Ageinco, un concepto máis transversal e aberto a outros actores do sector, como universidades, centros tecnolóxicos e determinados ámbitos da Administración pública.

Neste sentido, a conselleira trasladoulle aos responsables de Ageinco a súa total disposición a sentar as bases dunha estreita colaboración coa entidade co fin de axilizar e simplificar os procedementos administrativos para a implementación de novos proxectos empresariais. Para logralo, ambas partes comprometéronse a buscar as instrucións e as fórmulas máis axeitadas, desde o máximo respecto ao medio ambiente e a normativa marco en vigor.
 

Imaxes relacionadas