Lete Lasa acompaña no inicio do curso aos bolseiros do CGTD que este ano terá un 5% máis de prazas

Anímaos nesta nova etapa e refírese a eles como “a esperanza dunha xeración marcada polos desafíos e as dificultades”

Supervisa a realización dos test serolóxicos que permiten que todos os rapaces e rapazas que se incorporen á disciplina do CGTD compartan un espazo seguro. Estas probas faranse cunha periodicidade de 15 días

En total, o CGTD terá na tempada 2020/2021 un total de 168 prazas concedidas: 105 de tecnificación (88 de residente 1 e 17 de externo 1) e 63 de rendemento (14 de elite, 37 de externo 2 e 12 de residentes 2)

Pontevedra, 25 de setembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para supervisar o inicio da tempada e acompañar aos rapaces nos seus primeiros días. O mandatario galego desexou “moito éxito aos rapaces e rapazas que adestran e se forman tanto na instalación de referencia da excelencia competitiva galega coma no IES Sánchez Cantón de Pontevedra”. “Sodes a esperanza dunha xeración marcada polos desafíos e as dificultades, sodes os novos baluartes dunha sociedade que loita contra unha pandemia nunca antes vista, pero sodes tamén o vivo reflexo dos valores do deporte, do esforzo, do sacrificio, da constancia e da resiliencia”, díxolles.

Neste sentido, Lete Lasa valorou as “extraordinarias cualidades deportivas dos nenos e das nenas do CGTD”, pero tamén “o seu excelente comportamento ante a situación xerada pola Covid-19”. Cómpre salientar que, segundo a Orde do 16 de setembro de 2020 pola que se ditan instrucións sobre o comezo do curso académico 2020/21, o inicio do curso realízase de forma gradual para evitar aglomeracións. Así, o pasado mércores foi a presentación dos alumnos de 1º de Bacharelato, onte a dos alumnos de 3º da ESO e 2º de Bacharelato hoxe a mañá foi a quenda de 4º da ESO. O secretario xeral tamén incidiu no “escrupuloso cumprimento por parte dos deportistas dos protocolos de actuación para evitar as situacións de contaxio da Covid-19, tanto o básico de actuación do CGTD como os de cada especialidade deportiva, elaborados pola Secretaría Xeral para o Deporte co apoio de todo o tecido deportivo galego”.

Precisamente, o secretario xeral acompañou aos alumnos de 4º da ESO na realización dos test serolóxicos que permiten que todos os rapaces e rapazas que se incorporen á disciplina do CGTD compartan un espazo seguro. Estas probas faranse cunha periodicidade de 15 días.

Tecnificación e rendemento

O pasado venres a Secretaría Xeral para o Deporte publicaba a resolución do 17 de setembro de 2020 pola que se fan públicas as listaxes definitivas das prazas concedidas para o grupo de tecnificación e no día de onte facía o propio coa resolución do 23 de setembro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fan públicas as listaxes definitivas das prazas concedidas para o grupo de rendemento.

En total, o CGTD terá na tempada 2020/2021 un total de 168 prazas concedidas: 105 de tecnificación (88 de residente 1 e 17 de externo 1) e 63 de rendemento (14 de elite, 37 de externo 2 e 12 de residentes 2). Cómpre salientar que este número de prazas, que medra un 5% con respecto ao curso anterior (160), é acadado grazas ao esforzo extraordinario realizado pola Secretaría Xeral para o Deporte atendendo ás peticións das federacións deportivas e outorgando nove novas prazas (3 de tecnificación e 6 de residentes).

Lete Lasa tamén resaltou a importancia crecente do deporte feminino e o constante traballo no centro por acadar a paridade de prazas de tecnificación (31 homes e 32 mulleres) e rendemento (58 homes e 47 mulleres).

As 12 modalidades deportivas que contarán con prazas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva na tempada 2019/2020, segundo o disposto na Resolución do 7 de xuño son atletismo (marcha e lanzamentos), bádminton. ximnasia acrobática (trampolín e artística), judo, karate, loita, natación, piragüismo (augas bravas – slálom e augas tranquilas), remo, taekwondo, tríatlon e vela.

CGTD

O centro naceu no curso 1987-88 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra. Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas de Galicia e, na actualidade, dálles cabida aos principais deportistas e promesas do deporte galego. No 2007 e no 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela.

A lista de deportistas que chegaron á cima das súas modalidades logo de formarse neste Centro é moi longa, podendo destacar entre eles a 20 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos cunha colleita total de 11 medallas dende os Xogos Olímpicos de Sídney 2000.

Imaxes relacionadas