A Xunta renova o servizo de xestión de bens comisados coa Fundación Galega contra o Narcotráfico

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o presidente da Fundación, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe o convenio de colaboración, dotado con 15.000 euros, para mellorar a xestión dos bens incautados nestes delitos

Unha das súas principais vantaxes é o retorno social do patrimonio comisado a través de accións antidroga mediante a adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais e forzas de seguridade

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 25 de setembro de 2020

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe a renovación do convenio de colaboración para impulsar a xestión dos bens comisados ao narcotráfico en Galicia.

O Goberno galego destinará unha achega de 15.000 euros para poñer á disposición da fundación un servizo especializado nas tarefas de xestión, depósito e realización dos bens mobles incautados en procesos de narcotráfico e delitos conexos na comunidade galega, co obxectivo de optimizar e mellorar o seu rendemento. A Xunta apoia deste xeito á organización nas súas actividades de colaboración e auxilio ás autoridades xudiciais e outros axentes implicados na xestión dos patrimonios incautados.

Juan José Martín incidiu na necesidade de axilizar a venda de bens comisados procedentes de delitos de narcotráfico para evitar a súa perda de valor e obter un beneficio que redunde no pago de indemnizacións ás vítimas. Unha das principais vantaxes do convenio é precisamente o retorno social da venda, servindo a diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais e forzas de seguridade.

A Xunta mantén desde 2015 esta colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico para facilitar a actividade da organización, cando así llo requiran as autoridades xudiciais, dende a incautación ata a o remate do proceso de prestación do servizo.

Entre as tarefas que poden ser solicitadas á fundación por parte dos xulgados galegos inclúense a coordinación cos axentes implicados da recollida dos bens incautados e o seu transporte ata o lugar do depósito. Nesta liña, o servizo prestase de forma conxunta co Colexio de Procuradores da Coruña, en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial.

O proxecto no que se enmarca a colaboración tamén abarca que, por parte da fundación, se facilite información das solicitudes de uso e cesión destes bens ou sobre os supostos nos que resulta convinte a súa venda anticipada.

Os bens obxecto do servizo consisten principalmente en vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións, caracterizados polo seu rápido deterioro e perda de valor que a partir de agora serán vendidos ou asignados, en determinados supostos, a causas sociais, ofrecendo unha indubidable achega de valor e servizo á sociedade galega.

Con este acordo, contribúese á reducir os tempos dos trámites xudiciais e evítase a diminución da perda do valor dos bens. No período entre 2016 e 2020, o servizo de xestión de bens incautados ao narcotráfico xestionou a poxa de 83 vehículos dos que 35 foron subastados e recibíronse 26 peticións de entidades para o seu uso social.

O Goberno galego colabora desta forma na loita contra as drogodependencias, a través do desenvolvemento de actividades con institucións encamiñadas a potenciar a prevención deste problema que afecta á sociedade e, en particular, á xuventude.

Imaxes relacionadas