A Xunta destaca a resposta da I+D+i galega á pandemia poñendo todo o seu talento e coñecemento ao servizo da sociedade

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron hoxe nunha xornada na que se expuxeron máis dunha vintena de proxectos que se están a desenvolver na Comunidade

A estas iniciativas súmanse os 20 proxectos que participan na aceleradora Connect-19; as oito solucións innovadoras que se desenvolven co apoio da Axencia Galega de Innovación ou as propostas que resulten beneficiadas da orde de axudas por 3M€ para apoiar proxectos innovadores neste eido
 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacaron hoxe a resposta da I+D+i galega á pandemia, poñendo todo o seu talento e coñecemento ao servizo da sociedade. Os dous participaron nunha xornada na que se expuxeron máis dunha vintena de proxectos de investigación que están a desenvolver as tres universidades galegas e as tres fundacións de investigación sanitaria de Galicia: a Fundación Biomédica Galicia Sur, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e a Fundación Profesor Novoa Santos.

Na súa intervención, Conde subliñou que a I+D+i vai ser o motor do crecemento, e destacou que entre os proxectos que hoxe se presentan atópanse desde a busca dun tratamento e dunha vacina contra o virus, ata a diagnose precoz, pasando polo estudo de como cursa a enfermidade, ou mesmo a xestión dos riscos de contaxio e a influencia da xenética. Neste sentido, subliñou que Galicia está á vangarda a través de diferentes proxectos, incluso a nivel internacional, apuntando que Biofabri, do grupo Zendal, está a participar na fabricación dunha vacina.

No ámbito da loita contra a covid-19, Conde lembrou os 20 proxectos que participan na aceleradora Connect-19, en colaboración coa Tecnópole; as oito iniciativas que seis pemes galegas e as universidades de Santiago e Vigo, tras a chamada da Axencia Galega de Innovación (Gain) na busca de solucións innovadoras fronte á covid; ou as propostas que resulten beneficiadas da orde de axudas lanzada para seleccionar unha vintena de proxectos galegos que se presentaron á convocatoria do Instituto de Saúde Carlos III e que, a pesar de conseguir unha avaliación positiva, non obtiveron asignación de fondos.

O vicepresidente económico resaltou tamén o papel do sector biotecnolóxico galego. Galicia é a segunda comunidade na que máis empresas biotecnolóxicas se crearon o ano pasado grazas ao compromiso e implicación de todo o ecosistema innovador galego. Tamén salientou que, ademais dos retos no ámbito sanitario, a Comunidade ten diante de si dous grandes desafíos nos que se viña traballando e que coa pandemia é máis necesario que se alcancen: a transición dixital e a transición enerxética.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que a investigación biomédica en Galicia acaba de recibir un impulso no marco da Acción Estratégica en Salud 2020 do Instituto Carlos III, xa que de maneira competitiva vanse financiar un total de 21 novos contratos de investigación. Cómpre destacar que a investigación galega captou case 1,9 millóns dos 25,8 que se repartían nesa convocatoria do Carlos III. Isto representa un 7,2% dos fondos, o que tendo en conta que Galicia ten o 5,8% da poboación de España dá idea de que nesta Comunidade existe un tecido investigador especialmente activo e capacitado.

García Comesaña quixo facer público o seu recoñecemento a todos os profesionais sanitarios, que están levando a cabo unha excelente investigación biomédica cun elevado nivel de investigación clínica e coñecemento sustentado en experiencias individuais de éxito como as que hoxe se presentan nesta xornada.
 

Imaxes relacionadas