A conselleira do Mar visitou as instalacións da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa)

A Xunta destina este ano á formación marítimo-pesqueira o maior importe da última década con preto de 10 millóns de euros

As contías asignadas a este ámbito no orzamento da Consellería do Mar do 2020 medraron máis dun 4% en relación ao 2019

Esta é unha das mostras da aposta do Executivo galego para acadar a remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro e a ela súmase a defensa de medidas que fagan atractiva a actividade como a mellora da habitabilidade dos buques

Ribeira (A Coruña), 25 de setembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo a aposta do Goberno galego pola formación marítimo-pesqueira coa finalidade de acadar a remuda xeracional no sector, unha aposta que se materializa, segundo explicou, en diferentes eidos como o orzamentario. Neste sentido, sinalou que este ano as contías asignadas a formación no orzamento da Consellería do Mar medraron máis dun 4% con 9,7 millóns de euros, o que supón a maior cifra da última década.

Outro dos aspectos desta aposta que expuxo a titular de Mar é o da defensa que realiza Galicia ante a Unión Europea de medidas que fagan atractiva a actividade como a mellora da habitabilidade dos buques; unha cuestión explicou, que a comunidade autónoma galega solicita que se teña en conta no futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Neste cometido de acadar a aprendizaxe axeitada, engadiu a conselleira, tamén é necesario dotar aos centros de profesionais cualificados e dos equipamentos necesarios para obter unha formación competitiva e seguir sumando novos titulados. En canto ás matrículas na formación regrada (ciclos formativos) dos centros dependentes da Consellería do Mar, salientou que a media anual de persoas matriculadas medrou nun 60% nesta década en relación ao período 2005-2009.

Así o destacou durante as visitas que realizou hoxe á Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dous dos centros que dependen da Consellería do Mar, xunto coa Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo. Alí fixo fincapé en que para asegurar o futuro é importante adecuar a formación ás súas necesidades e adaptala ao que impón a actualidade, marcada polo coronavirus e que tamén fai este inicio de curso diferente, sinalou. Nesta liña agradeceu aos equipos docentes dos centros o gran traballo realizado durante todo o verán para adaptar as escolas e dar cumprimento a todos os protocolos que establecen as autoridades sanitarias.

A EONP de Ribeira e o Igafa

A Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira comezou a funcionar en maio de 1993, ten como misión impartir ensinanzas marítimo-pesqueiras nas ramas de ponte e máquinas e fornece de man de obra ás empresas do sector e a outras en terra. Dispón de aulas ordinarias e taller de artes e aparellos, seguridade, primeiros auxilios, electrónica, soldadura e motores, entre outras. Tamén conta con laboratorio e biblioteca, simuladores de navegación, pesca, comunicación, frío ou máquinas e outros máis recentes como salón de actos e aula de pesca sustentable. A media de alumnado que se matricula na formación regrada deste centro por curso é dunhas 95 persoas, unha cifra que este curso se está a superar.

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura é o único centro de Galicia que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo e foi inaugurado no ano 1992, é centro nacional de formación profesional ocupacional na área formativa de acuicultura e de referencia nacional nas áreas profesionais de acuicultura e de mergullo. Conta cunhas instalacións comúns para as ensinanzas de acuicultura e mergullo, con 11 aulas para impartir as clases teóricas, biblioteca, salón de actos, laboratorios de bioloxía e de ciencias, aula de audiovisuais e aula de informática.

Para a ensinanza específica de acuicultura, dispón dunhas instalacións de 1.175 metros cadrados para cultivos auxiliares, de peixes, moluscos e crustáceos. Ademais, ten catro laboratorios e outras dotacións como unha batea, dúas gaiolas, un parque intermareal e dous minicriadoiros para piscicultura continental para o desenvolvemento das prácticas do alumnado. No caso das ensinanzas de mergullo profesional, conta con piscina interior, foxo-piscina exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases e campo de prácticas no mar. Completan as instalacións e equipamentos unha sala de acuarioloxía, un obradoiro de soldadura, outro de mecánica e varias embarcacións. Dentro da formación regrada que oferta este centro matricúlanse por curso unha media de máis de 100 persoas.

Imaxes relacionadas