A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu esta mañá a Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Lugo, da que forman parte 9 concellos e a Xunta

A Xunta propón un novo convenio do Plan de transporte metropolitano de Lugo, que permitiu que 8.600 veciños aforrasen preto de 1 millón de euros nos seus desprazamentos

Trátase de garantir a continuidade durante os vindeiros 4 anos do Plan, que a Administración autonómica financia nun 85% e os 9 concellos no 15% restante

Vázquez Mourelle subliña o aumento do 27% no uso do transporte público asociado ao Plan, que desde 2012 rexistrou 1 millón de viaxes bonificadas

Apunta que actualmente uns 7.300 veciños da área empregan a tarxeta TMG nas viaxes cotiás, coa que acadan aforros que se poden achegar aos 800 euros anuais

Sinala que nesta área tamén hai máis de 1.300 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa Tarxeta Xente Nova da Xunta

Pon en valor as melloras acadadas coa posta en marcha en xaneiro dos novos contratos, que permiten dispor xa de melloras nas conexións interiores no rural de Lugo e nas conexións da capital coa Coruña, con Ourense e con Vigo

Salienta que a culminación, a finais de ano, do novo Plan de Transporte Público mellorará as comunicacións de Lugo con Ferrol e con Santiago e impulsará a nova liña Pedrafita do Cebreiro-Santiago, que favorecerá a mobilidade dos peregrinos

Avanza que a extensión progresiva do uso da tarxeta Xente Nova a todo o territorio, fará posible que no vindeiro ano todos os menores de 21 anos da provincia de Lugo poidan viaxar de balde no autobús da Xunta

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020

A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano na área de Lugo, que permitiu que 8.600 veciños aforrasen preto de 1 millón de euros nos seus desprazamentos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Lugo da que forman parte 9 concellos e a Xunta.

Na reunión repasáronse os datos deste plan social e abordouse a proposta de convenio para garantir a súa continuidade nos vindeiros 4 anos, en condicións similares as que se veñen aplicando desde a súa posta en marcha en novembro de 2012.

A conselleira salientou o éxito que ten suposto este Plan, grazas ao que se acadou un incremento do 27% no uso do transporte público nesta área, moi por enriba do obxectivo marcado cando se activou, hai case 8 anos. Concretou que no ano 2013 se realizaron 152.000 viaxes bonificadas, e en 2019 superouse a cifra de 191.000, o que representa, ademais, un 25% de incremento con respecto a 2018.

Subliñou que desde a súa a posta en marcha se superaron os máis de 1 millóns de viaxes bonificadas ao abeiro do Plan de Transporte Metropolitano de Lugo.

Vázquez Mourelle incidiu no apoio ás familias, pois na actualidade hai 7.300 veciños da área de Lugo que empregan a Tarxeta de Transporte Metropolitano TMG para realizar os seus desprazamentos, coa que poden acadar aforros de ata preto de 800 euros ao ano.

Salientou, ademais, que nesta área tamén hai 1.300 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús da Xunta coa Tarxeta Xente Nova.

Por exemplo, un viaxeiro habitual entre Friol e Lugo paga, sen tarxeta de transporte metropolitano TMG, 1,55 euros no autobús interurbano máis 0,64 euros do autobús urbano, é dicir, un mínimo de 2,19 € no desprazamento de ida e o mesmo no de volta. Isto significa, contando os días laborables, un gasto mensual aproximado de 96,36 euros ao mes, é dicir, máis de 1.156 euros ao ano. Se esa persoa paga esas viaxes con Tarxeta de Transporte Metropolitano, a viaxe desde Friol custaralle 0,88 euros e a viaxe en urbano será gratis. Así, o gasto ao mes pasa a 33€ (tendo en conta o desconto por usuario recorrente) e o gasto anual baixa a menos de 400€, o que supón un aforro de máis de 760 euros ao ano en viaxes en autobús.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que todos estes beneficios son posibles grazas a unha achega económica que soporta de forma maioritaria a Xunta, que financia practicamente o 85% do Plan, fronte ao 15% que se reparte entre os 9 concellos.

Máis cobertura do transporte público

Ethel Vázquez puxo o acento no incremento das facilidades relacionadas co uso do transporte público que supuxo desde a súa constitución, o Plan de Transporte Metropolitano. Así, resaltou entre os fitos importantes a posta en marcha, en agosto de 2016, da tarxeta Xente Nova, para que os menores de 19 anos viaxasen gratis en autobús; e a ampliación da cobertura deste dispositivo ata os menores de 21 anos, en xaneiro deste ano.

Tamén incidiu en como a reordenación das liñas de autobús interurbano está a multiplicar a cobertura coas modalidades de transporte compartido e baixo demanda mellorando, de forma substancial, a eficacia e o atractivo do transporte colectivo.

Neste sentido, puxo como exemplo as melloramos acadadas xa nas conexións interiores no rural de Lugo, a través das novas modalidades de transporte; así como as melloras nas conexións de Lugo, coa Coruña, con Ourense e con Vigo, a través dos novos contratos postos en marcha en xaneiro.

Sinalou que esta transformación do mapa de transportes se culminará a finais de ano e suporá melloras nesta área, implementado as comunicacións entre Lugo e Ferrol, coa creación do servizo Ferrol-As Pontes-Vilalba-Lugo; ou a creación dunha nova liña Pedrafita do Cebreiro-Santiago, que favorecerá a mobilidade dos peregrinos. Tamén se mellorarán os servizos e o tempo de percorrido nas comunicacións entre Lugo e Santiago, que pasarán a cubrirse a través da N-547 e a autovía A-54.

Resaltou, así mesmo, que no marco dos novos servizos de transporte se está a avanzar na extensión progresiva do uso da tarxeta Xente Nova a todo o territorio, o que significa que no vindeiro ano todos os menores de 21 anos da provincia de Lugo poderán viaxar de balde no autobús da Xunta.

A responsable de Mobilidade resaltou que neste momento complexo cómpre apostar polo transporte público para garantir o acceso da poboación á educación, á sanidade ou aos centros de emprego.

Para isto, apuntou que a Xunta non só bonifica as viaxes en autobús no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, senón que tamén se mobilizará 74 millóns de euros ao ano, na vindeira década, para blindar o transporte público.

Imaxes relacionadas