A conselleira de Política Social asinou hoxe un novo acordo de colaboración coa Rede Galega de Loita contra a Pobreza

A Xunta incrementa nun 27%, ata os 46.000 euros, o convenio con EAPN-Galicia para loitar contra a pobreza e a exclusión social

Fabiola García avoga pola colaboración entre Administracións e coas entidades para poñer en marcha políticas eficaces que contribúan a paliar as consecuencias sociais derivadas da covid-19

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a presidenta da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, Eloína Injerto, asinaron hoxe un convenio para facer fronte á exclusión social na comunidade. Este acordo incrementa nun 27% a contía con respecto ao ano pasado e acada os 46.000 euros.

O convenio recolle entre os seus obxectivos a creación de grupos de traballo, a organización e participación activa en foros sociais, así como facilitar o intercambio de información entre entidades. Tamén procura corresponsabilizar aos axentes clave para evitar situacións de vulnerabilidade, sobre todo ás Administracións públicas e empresas, e sensibilizar á sociedade.

A conselleira de Política Social salientou a importancia de manter a colaboración e a coordinación da Xunta de Galicia coas entidades sociais para poñer en marcha políticas efectivas que contribúan a paliar as consecuencias sociais derivadas da covid-19. “Gracias a eles, o Goberno galego pode seguir traballando polas persoas que máis o necesitan e, en especial, nestes difíciles momentos”, concretou.

Plan de recuperación social

Fabiola García lembrou que para amortecer o impacto da pandemia nos fogares máis vulnerables o Goberno galego puxo en marcha o Plan de Recuperación Social con medidas como a Tarxeta Básica, unha axuda trimestral de entre 450 e 900 euros para adquirir produtos de primeira necesidade e da que xa se benefician máis de 7.000 familias.

Imaxes relacionadas