O 80% das medidas do Plan de Reactivación cultural da Xunta fronte aos efectos da covid-19 xa están en marcha

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciou hoxe na Comisión 4ª do Parlamento unha campaña de fomento da cultura segura

As medidas destinadas a reactivar as industrias culturais que están en marcha partiron do diálogo cos distintos axentes e contan cunha achega de máis de 26M€

Galicia foi a primeira Comunidade en deseñar unha folla de ruta específica para acompañar e apoiar ao tecido cultural, aprobada a finais de abril

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

O Plan de Reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19 aprobado hai cinco meses polo Goberno galego xa ten en marcha un 80% das medidas. Así o precisou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que asistiu hoxe ao Parlamento de Galicia para, no marco da Comisión 4ª de Educación e Cultura, dar conta dos avances desta folla de ruta creada co obxectivo de paliar os efectos da crise sanitaria.

Durante a súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou que esta folla de ruta, dotada con máis 26M€, partiu do constante diálogo cos distintos axentes, sendo Galicia a primeira Comunidade en deseñar unha folla de ruta específica para acompañar e apoiar ao tecido cultural. “Desde o primeiro momento fomos conscientes de que a cultura era un dos sectores que ía verse seriamente afectados pola crise sanitaria e de que Galicia tiña que estar á altura deste reto”, afirmou.

Neste sentido, Anxo M. Lorenzo coincidiu na necesidade de seguir planificando a saída da crise, un reto para o que, tal e como puntualizou, é preciso contar coa implicación de todas as administracións. “Precisamos traballar de xeito coordinado entre todos, empezando polo Congreso dos Deputados coa aprobación do proxecto de lei de axudas ao sector cultural e seguindo polos concellos e deputacións na reprogramación da cultura”, declarou.

Catro eixos

As medidas centradas na recuperación do tecido cultural estrutúranse en catro eixos que, tal e como explicou o secretario xeral, “se atopan en diferentes fases de desenvolvemento aínda que o 80% das medidas xa están en marcha”. O primeiro dos eixos céntrase na activación da industria cultural galega con medidas para o libro, o audiovisual, as artes escénicas, as artes plásticas e a música, entre outros.

No caso do libro, sector ao que o Goberno galego apoia con máis de dous millóns de euros, a meirande parte das iniciativas se atopan en fase adxudicación ou xa executadas. Neste apartado, Anxo M. Lorenzo destacou o apoio económico que permitiu que as feiras do libro de Galicia fosen as primeiras de España en poder realizarse.

As axudas ao sector audiovisual e no ámbito das artes escénicas, que en conxunto suman preto de 6 millóns de euros, tamén cumpriron as demandas do sector ao modificar e flexibilizar as súas convocatorias facilitando o acceso das empresas as axudas e mellorando a súa liquidez.

Tamén están en marcha as medidas de apoio ás artes plásticas dotadas con preto de 600.000 euros e con accións de apoio ás galerías e aos creadores. Esta mesma semana publicouse no DOG unha nova liña de apoio a artistas e comisarios de arte que supón unha achega por parte do Goberno galego de 200.000 euros.

Ademais de garantir a sustentabilidade económica do tecido cultural, a folla de ruta na que traballa a Xunta de Galicia tamén ten por finalidade o mantemento do emprego. “Unha das principais medidas deste eixo é o Fondo de Proxectos Xacobeo 2021, unha iniciativa que está xa a inxectar liquidez nas pequenas empresas e autónomos da cultura galega”, afirmou o representante da Consellería de Cultura. Este fondo, que conta cunha dotación de 2,5 millóns de euros, 1 máis do inicialmente previsto, ten aprobados preto de 600 proxectos que se desenvolven en toda a Comunidade galega.

Fomento do consumo

Sensibilizar á sociedade galega e fomentar o consumo cultural é tamén unha das prioridades do Goberno galego. Neste sentido, o secretario xeral anunciou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade traballa nunha campaña de sensibilización que insista na necesidade de que a sociedade participe na cultura. “A cultura é unha actividade segura e temos que remar xunto as administracións e entes privados para dar garantías e recuperar os públicos da cultura”, sostivo. Trátase dunha medida que se desenvolve de xeito paralelo ás medidas deste Plan como, por exemplo, a reprogramación da rede de dispositivos culturais da Xunta.

A maiores, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten habilitado un servizo de asesoramento e consultoría en liña para empresas e profesionais culturais que dá apoio e resolve dúbidas de carácter laboral, fiscal, de creación de empresas, de proxección exterior, de condicións das axudas públicas, de normativas ou de desescalada, así como outros aspectos de carácter práctico para o desenvolvemento da actividade.

E por último, un ambicioso de formación no eido cultural, cun investimento de case 600.000 euros, que contempla bolsas de formación en materia cultural, un plan de transformación dixital no ámbito cultural e a posta en marcha de formación para xestores culturais e para profesionais das institucións da cultura.

Imaxes relacionadas