Máis de 1.774 apicultores galegos benefícianse este ano das axudas da Xunta por valor de máis de 724.000 euros

Estas achegas, cuxa resolución sae hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia, teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, aprobando un total de 21 expedientes que benefician a 1.774 apicultores de Galicia, por un importe superior aos 724.000 euros.

Así, as axudas diríxense a particulares titulares de explotacións apícolas, cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. A convocatoria fíxose en réxime de concorrencia competitiva, establecendo así unha serie de criterios obxectivos -previamente pactados co sector- para puntuar as solicitudes.

Neste sentido, déuselle prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e a unha cooperativa apícola. Tamén se valorou o feito de que as explotacións solicitantes tiveran titularidade compartida ou foran persoas mozas, que as colmeas estiveran en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

Estas achegas teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así, dispoñían de catro liñas diferentes: para asistencia técnica (só para agrupacións de produtores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.

Pódese consultar o listado de beneficiarios nesta ligazón.

Imaxes relacionadas