Bota a andar en Melide a campaña 'Os nosos produtos, en galego'

O secretario xeral de Política Lingüística e a directora xeral de Comercio e Consumo participaron este serán na mesa redonda de presentación desta iniciativa

Trátase dunha campaña do Concello de Melide e Asetem en colaboración co Foro Enrique Peinador que conta co apoio da Xunta
 

Melide (A Coruña), 24 de setembro 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participaron este serán, no Centro Sociocultural Mingos de Pita de Melide, na mesa redonda de presentación da campaña Os nosos produtos, en galego, que impulsa o Concello de Melide en colaboración coa Xunta xunto co Foro Enrique Peinador e coa Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem).

Valentín García recordou que etiquetar en galego, ademais de “ser un contributo á defensa dese elemento tan importante para a nosa identidade que é a lingua, é beneficioso para a imaxe do produto que se pon no mercado, porque o consumidor asocia o idioma propio de Galicia coa autenticidade e a calidade”. Na mesma liña, Sol Vázquez sinalou que a etiquetaxe en galego achega valor engadido como un elemento de diferenciación nun momento no que se pon de relevo a importancia de apostar polo produto local e polo comercio de proximidade, que contribúe á creación de emprego e riqueza.

Xunto cos representantes da Xunta participaron na mesa redonda o alcalde e a concelleira de Normalización Lingüística de Melide, José Manuel Pérez Penas e Mayka Basalo Santín, respectivamente; Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Pilar López López, xerente da Asetem; José Antonio Mejuto, xerente de Casa Mejuto; Carmela Valiño, socia fundadora da cooperativa de mulleres emprendedoras Milhulloa; Cristina Codesido, xerente e fundadora de Vermutería Petroni; e Lito Andión, xerente da cooperativa Hoxe. Modera a mesa Xaquín Vázquez, técnico de normalización lingüística de Melide.

Etiquetaxe en galego

A mesa redonda celebrada este serán en Melide é o punto de partida da campaña Os nosos produtos, en galego. O obxectivo da iniciativa é, por unha banda, sensibilizar o empresariado da Terra de Melide para que etiquete os seus produtos en galego e, por outra, incentivar na cidadanía o consumo de produtos de proximidade etiquetados en galego. No marco desta campaña, os establecementos comerciais e empresas da comarca Terra de Melide recibirán carteis e dípticos con información sobre as vantaxes da etiquetaxe na lingua propia de Galicia.